Os paxaros que aniñan no campus estrean sete novas caixas niño
Por Redacción
Os preto de 350 árbores que hai no campus da Xunqueira son un lugar cada vez máis acolledor para os paxaros que residen nela. Desde este mércores todos eles dispoñen de sete novas caixas niño que poder converter nos seus fogares.
Elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal, nunha acción enmarcada no programa Green Campus, esta iniciativa busca proporcionar a paxaros de pequeno tamaño, como pardais, ferreiriños, rabilongos ou papuxas, un lugar no que aniñar.
Esta iniciativa repítese cada ano coa idea de " ir cubrindo todas as zonas do campus e porque, co tempo as caixas vanse estragando", explica o director do Green Campus Carlos Souto.
O seu obxectivo, engade, é contribuír á educación ambiental da comunidade universitaria, á vez que trasladar a imaxe de que " queremos ser un campus máis verde, máis ecolóxico e máis ambientalmente sostible".
As diferentes edicións desta iniciativa, que se leva a cabo nas semanas previas ao período de aniñamento de diferentes especies, fixeron posible que unha vintena de caixas se atopen actualmente espalladas por diferentes puntos do campus.
Ademais, no presente curso proxéctase levar a cabo por primeira vez unha análise de en que medida foron empregadas como niños.
"A idea é facelo ao remate da primavera, ver todas as caixas e saber se estiveron ocupadas ou non e se é posible identificar as especies que entraron polos restos das súas plumas", avanza Souto.
Relacionadas:
-
Carballos e bidueiros para poñer á mocidade en contacto coa natureza
Por Raquel Currás Martínez |
-
O campus pon en marcha un servizo de préstamo de bicicletas
Por Redacción |
-
As 74 medidas que farán de Pontevedra un campus máis verde
Por Redacción |
-
Os coches eléctricos xa se poden cargar no campus universitario
Por Redacción |