Zona Monumental só ve vantaxes para o centro histórico na peonalización de Benito Corbal
Por Redacción
O presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, sinalou a boa saúde da actividade comercial na Zona Monumental, a pesar da época de crise que se atravesa. Indicou que os establecementos que non contan con actividade é como consecuencia dun problema de renda ou de mal acondicionamento "pero a xente está a apostar por eses establecementos na Zona Monumental".
Neste sentido, sinalou a importancia dalgúns dos investimentos realizados durante os últimos meses en novos negocios. Ademais indicou que a peatonalización de Benito Corbal tamén será positivo para o centro histórico: "tal e como está pegado á Zona Monumental parece unha continuidade. Iso esperemos que tamén sexa un éxito e que sexa unha riada de xente que circule por Michelena, Ferrería e Benito Corbal que vai ser un éxito".
Estas declaracións realizábaas durante a presentación no Concello de Pontevedra, xunto á concelleira Carme da Silva, da programación dun grupo de actividades que se van desenvolver ao longo de novembro e decembro en diferentes prazas do centro histórico. Entre outras propostas, os interesados poderán participar no obradoiro Tece que Tece con aprendizaxe de labor de gancho e calceta na Praza Valentín García Escudero o 9 de novembro, no obradoiro de manualidades con follas secas na Ferrería ou o obradoiro de pan doce na Rúa Serra. Pero ademais haberá instalacións de inchables e contacontos.
As actividades son gratuítas e ao aire libre. En caso de chuvia, instalarase unha carpa. Non é necesaria inscrición previa.