As obras da rúa Manuel Leiras Pulpeiro concluirán antes de final de ano
Por Diego Espiño
Os traballos de remodelación na rúa Manuel Leiras Pulpeiro prolongaranse "ata mediados do mes de decembro", segundo sinalou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, nunha visita realizada ás obras.
Cun orzamento de 191.177 euros a actuación inclúe, ademais do cambio en superficie, a renovación dos servizos subterráneos e a iluminación pública, que pasará a ser de baixo consumo.
Así se cambiarán as canalizacións da rede de auga potable, pluviais e saneamento, que permitirá separar a auga da choiva desta última rede e reducir a súa chegada ao colector do Gafos.
En canto ao tratamento en superficio a rúa, que une Alcalde Hevia con San Pedro Alcántara, contará cunha renovación completa das beirarrúas e o arranxo do firme da estrada, que pasará a ter só un carril de aparcadoiro en lugar dos dous actuais.