Oitenta alumnos do IES de Ponte Caldelas estrean o programa 'Eu son inspector urbanístico'
Por Redacción
Oitenta alumnos e alumnas do instituto de Ponte Caldelas estrearon esta semana á actividade de carácter divulgativo 'Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio, coida do teu', que comezou oficialmente coa celebración da primeira sesión impartida por inspectores e subinspectores adscritos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
Esta actividade lúdico-educativa busca introducir ás novas xeracións no coñecemento da paisaxe e do territorio, inculcando nelas a importancia do seu coidado e chega xa á terceira edición.
A iniciativa está pensada para centros de educación infantil, primaria e secundaria de toda Galicia dentro do chamado Proxecto Terra, impulsado hai xa máis de 20 anos pola Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para dar a coñecer aspectos relacionados co mundo da arquitectura e do territorio desde unha perspectiva pedagóxica.
Segundo informa a Xunta, xa están confirmadas outras 19 sesións aínda que á vista do interese espertado pola actividade, a APLU estudará a posibilidade de organizar algunha máis.
Entre os próximos centros que acollerán a actividade están o CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), o CEIP Plurilingüe San Clemente de César (Caldas de Reis) e o IES A Xunqueira II (Pontevedra).
A través de material didáctico específico, o alumnado participante traballará de forma creativa e divertida dentro da aula a complexidade do territorio e da contorna paisaxística, analizando os elementos que os compoñan, afondando en conceptos como o patrimonio natural e construído, as infraestruturas, o medio ambiente, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións no territorio, unha aprendizaxe que constitúe un eslavón fundamental para que as sociedades do presente e do futuro realicen un uso sustentable e responsable do territorio.