Prepárase o Entroido infantil en Vilagarcía con obradoiros e concurso de disfraces
Por Redacción
O sábado 26 de febreiro comezarán as actividades infantís para celebrar o Entroido 2022 en Vilagarcía coa organización de obradoiros que se realizarán na Praza de Galicia. Neste espazo poñeranse en marcha actividades para pintar as facianas, de creación de adornos propios destas datas e de elaboración de máscaras venecianas.
As actividades previstas para esta xornada diríxense a familias con menores con máis de tres anos. Realizaranse con grupos reducidos. Todas as actividades son gratuítas e as persoas que queiran participar deberán inscribirse o mesmo día na Praza de Galicia. O horario das actividades iniciarase ás 12.00 horas e finalizará ás 13.30 horas.
O luns 28 de febreiro realizarase o baile infantil que, nesta ocasión, abandona a Praza da Peixería para desenvolverse no escenario ao aire libre situado na Praza da II República. A Duendeneta encargarase de animar musicalmente a festa e entregaranse premios aos mellores disfraces e aos máis orixinais. Para participar no concurso será necesario que se inscriban neste espazo. Os premios aos mellores disfraces e aos máis orixinais consistirán en diversos agasallos adaptados ás idades dos participantes. O baile celebrarase entre as 17.00 e as 20.00 horas.
O Concello de Vilagarcía tamén celebrará o tradicional desfile-concurso de disfraces e carrozas durante o Martes de Entroido. Todas as actividades programadas realízanse ao aire libre como criterio de precaución fronte á covid-19. En todos os casos será obrigatorio o uso das máscaras.