Manifestación do persoal do Servizo de Terapias Respiratorias da área sanitaria
Por Oskar Viéitez
Unha manifestación dos traballadores do Servizo de Terapias Respiratorias da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés percorreu este luns as rúas de Pontevedra no marco da xornada de folga á que tamén estiveron convocadas as áreas de Vigo e Santiago- Barbanza.
A marcha iniciouse no número 26 da Avenida de Vigo, onde está situada a empresa Esteve Teijin S.A., adxudicataria deste servizo de terapias respiratorias por parte do Servizo Galego de Saúde, e finalizou na entrada principal do Hospital Provincial.
Os sindicatos convocantes destes actos de protesta, Comisións Obreiras e a CIG, xustificaron esta folga na "deterioración das prestacións asistenciais por parte da empresa" que modificou de maneira "unilateral" as condicións laborais. A situación de conflito laboral viuse agravada tras o despedimento de cinco traballadores.
O persoal asegura que Esteve Teijin "non está a cumprir coas condicións mínimas fixadas" en relación aos desprazamentos, dietas ou á categoría profesional, "o que se traduce nun prexuízo tanto nos salarios como nas condicións de traballo" mentres que "a empresa si que lle está cobrando ao Sergas pola categoría que lle corresponde ao persoal".
Segundo o relato dos traballadores, no pasado mes de novembro empezaron os cambios nas condicións de traballo, retirando a parte do persoal o vehículo de empresa que utilizaban para a atención nos domicilios, tendo que utilizar os seus propios automóbiles sen percibir compensación ningunha.
Isto levou ao persoal para interpoñer varias demandas reclamando os dereitos, polos cales a empresa lle está cobrando ao Sergas.
Aseguran que "en lugar de repoñer os dereitos, Esteve Teijin, reaccionou convidando o persoal que non estivese contento a marchar voluntariamente". Os traballadores apuntan que "o seguinte paso foi a abrir, no mes de xaneiro, varios expedientes sancionadores, acusando o persoal de faltas graves que non xustificou, que concluíron coa aplicación de despedimentos disciplinarios".
Ademais de denunciar "incumprimentos laborais", a representación sindical tamén acusa á compañía de incumprir os pregos do contrato. "A empresa deu orde de non entregar material desde o 1 de novembro ao 31 decembro por supostas cuestións económicas, incluso prohibíndolle aos traballadores atender de maneira presencial aos pacientes", afirman.
Estes traballadores destacan que "esta decisión prexudica claramente o seguimento das terapias respiratorias e por tanto, ten unha repercusión directa no estado de saúde dos pacientes".
A estes "despropósitos" engaden que "Esteve Teijin non cumpre coas condicións establecidas nos pregos do contrato en canto ao número de persoal", xa que "debería haber 136 traballadores e hai 77" e igualmente, apuntan que tampouco cumpre coa frota de automóbiles e os centros loxísticos.
Estes traballadores fixeron un chamamento ao Sergas para que interveña, "exerza o labor de supervisión e obrigue a empresa para cumprir cos pregos" tanto no que ten que ver coas condicións laborais como para garantir a calidade asistencial dos pacientes.