O Premio Xove Empresario trasládase a Vilagarcía
Por Redacción
A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) realizou na mañá deste mércores 16 a presentación do Premio Xove Empresario do Ano na sede da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
Nesta 25 edición, o premio celebrarase por primeira vez fóra da cidade de Pontevedra. Concretamente, o acto de entrega destes galardóns terá lugar o próximo día 10 de marzo, ás 20.30 horas, no Pazo O Castriño de Vilagarcía de Arousa. Desta maneira, AJE Pontevedra quere reforzar a súa vinculación coas comarcas do Salnés e Ulla-Umia, que conxuntamente son a segunda área máis importante para AJE en canto á achega de socios á asociación, despois da capital provincial.
As bases prevén dous premios principais, un ao novo empresario (para empresas que leven máis de dous anos constituídas) e outro á Iniciativa Emprendedora (para empresas de menos de dous anos de antigüidade e proxectos emprendedores). Ademais, haberá dúas mencións de honra, unha no ámbito da Innovación, e outra no da Responsabilidade Social Empresarial. Igualmente, farase entrega dun premio honorífico a un empresario da provincia de Pontevedra por toda a súa traxectoria.
O presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey, destacou que despois do parón debido á pandemia, "é unha gran satisfacción poder celebrar novamente esta gala de entrega de premios e facelo ademais, por primeira vez, en Vilagarcía. Esta decisión responde o peso que a asociación gañou fóra da capital provincial, en comarcas como a do Salnés e Ulla-Umia, onde temos unha boa acollida ás nosas actividades e asociados que participan de forma activa".
Pola súa banda o presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, felicitou á asociación por esta vinte e cinco edición, e resaltou a a importancia do traballo de AJE ofrecendo apoio e asesoramento aos empresarios, especialmente nas etapas iniciais da súa andaina.
As bases íntegras da convocatoria poden consultarse en http://www.ajepontevedra.es/xxv-premio-xove-empresarix-do-ano-2021/ O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 23.59 horas do domingo 6 de marzo.
Relacionadas:
-
O Grupo Valenciaga, premio Xove Empresario do ano
Por Oskar Viéitez |
-
O Premio Xove Empresario, unha oportunidade para visibilizar o emprendemento feminino
Por Redacción |
-
AJE Pontevedra outorgará o seu premio honorífico anual a Adegas Martín Códax
Por Redacción |
-
AJE promoverá iniciativas de apoio ao desenvolvemento rural e de carácter social en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de presentación de candidaturas para o Premio Xove Empresario
Por Mónica Patxot & María José Pita |