Un estudante venezolano do Máster en Dirección Integrada de Proxectos en Pontevedra estrea a liña de axudas para refuxiados
Por Redacción
Jhonatan Reiley, un estudante venezolano, chegaba a Galicia o 14 de marzo de 2020, horas antes de declararse o Estado de Alarma pola irrupción da covid-19. Este mozo solicitara protección internacional para iniciar unha nova etapa no campus de Pontevedra. Neste curso iniciaba a súa traxectoria como estudante do Máster en Dirección Integrada de Proxectos como un dos dous seleccionados na convocatoria de axudas impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación destinado a solicitantes de protección internacional, segundo recolle o DUVI.
Reiley afirma que atopou na migración unha posible solución á crise social que experimentaba o seu país. Os estudos permítenlle integrarse, expón Henar Quintas, directora da área de Responsbilidade Social e Cooperación.
Neste curso convocábanse por primeira vez estas axudas dotadas cunha contía máxima de 3.000 euros, que se destinan a gastos de matrícula, manutención e residencia, ademais de realizar na Universidade un curso de galego ou de castelán que facilite a súa integración. Na primeira edición, recibíronse seis solicitudes válidas e outorgáronse dúas axudas atendendo á nota media do expediente e o currículo.
O estudante venezolano, titulado en Enxeñería Civil pola Universidade Central de Venezuela, puido converterse, grazas a esta bolsa, en alumno do Mestrado interuniversitario en Dirección Integrada de Proxectos que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés.
Jhonatan Reiley reside habitualmente en Vigo coa súa familia e, nestes tempos de pandemia, sentiuse arroupado por grupos de apoio e organizacións sociais. Afirma que as súas fillas están "encantadas" en Galicia, aínda que recoñece que el vive "en modo Venezuela" xa que representa ao seu país en cada actividade que realiza.
Esta liña de axudas ten vontade de continuar en próximos anos coa intención por parte da Universidade de Vigo de ampliar a súa dotación e co obxectivo de manter contactos con entidades sociais da provincia que traballan con persoas refuxiadas para facilitar a súa integración. Henar Quintas lembra que moitas destas persoas non teñen a posibilidade de regresar aos seus países de orixe para obter documentación ou realizar legalizacións, ao tratarse de territorios en conflito ou que poñen a vida da persoa en risco.