Investigan a agresión a un mozo ao que golpearon na cabeza de madrugada na rúa Charino
Por Manu Otero & Natalia Puga
A Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional de Pontevedra investiga unha agresión sufrida por un mozo pontevedrés na madrugada do pasado venres 11 de febreiro no centro histórico da cidade. O mozo acabou ingresado no hospital e non lembra practicamente ningún detalle do ocorrido.
Fontes policiais confirmaron a PontevedraViva que o mozo presentou denuncia na mañá deste luns na Comisaría Provincial e agora abriuse unha investigación para aclarar o ocorrido.
Xa o propio día do suceso axentes da Policía Nacional acudiron á zona na que se produciu a pelexa, na vía pública á altura do número 37 da rúa Charino, e entrevistáronse con testemuñas do ocorrido. Agora, todos eles volverán ser chamados a declarar e tamén se volverá a citar á vítima.
O mozo agredido, duns 30 anos, xa formalizou a denuncia, pero apenas achegou detalles porque, segundo relata, quedou inconscientes e, cando se espertou, estaba no Hospital Montecelo en compañía dun coñecido.
Todo ocorreu sobre as tres da madrugada do xoves 10 ao venres 11 de febreiro. O mozo relatou que estaba a fumar un cigarro na rúa cando unha persoa enfrontouse con el. A partir de aí, segundo sinalaron testemuñas presenciais, foi agredido e acabou no chan.
Fontes consultadas por este xornal relataron que a vítima foi agredida por un pequeno grupo de homes de mediana idade. Un deles propinoulle un forte golpe na cabeza que o deixou inconsciente no chan e provocoulle unha notable hemorraxia.
Tras a agresión, o mozo tivo que ser trasladado ao Hospital de Montecelo cun forte golpe na cabeza e permaneceu dous días ingresado no centro sanitario recuperándose das feridas, que lle provocaron perda de visión nun dos seus ollos.
As testemuñas alertaron aquela noite aos servizos de emerxencias e ata o lugar trasladáronse efectivos médicos e tamén a Policía Nacional, que tomou declaración a posibles testemuñas que agora volverán ser interrogados. Nun primeiro momento, o mozo agredido non denunciou, pero si o fixo na mañá deste luns, unha vez que recibiu a alta médica e recuperouse das feridas.