Un home de 79 anos, ferido grave tras ser atropelado nun paso de peóns na Barca
Por Redacción
Un veciño de Poio de 79 anos resultou ferido grave na tarde deste domingo tras ser atropelado na avenida da Barca deste municipio
Segundo a información facilitada pola Policía Local, o atropelo produciuse a última hora da tarde deste domingo, sobre as 20.00 horas. Un turismo atropelou un peón cando cruzaba polo paso de peóns.
O septuaxenario sufriu lesións graves e tivo que ser trasladado por unha ambulancia do 061 a un centro hospitalario.
Ata o lugar do accidente desprazáronse axentes da Policía Local de Poio, que agora investigan a causa do sucedido.