O mal tempo obriga a aprazar ao domingo 20 a manifestación en defensa da sanidade de Marín
Por Redacción
A manifestación en defensa da sanidade convocada para este domingo 13 de febreiro quedará finalmente adiada unha semana e volve citarse a toda a poboación para as 12.00 horas do vindeiro domingo 20 de febreiro.
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, celebrou na tarde deste venres unha xuntanza na que acordou pospoñer a protesta "debido á mala previsión meteorolóxica con intensas chuvias e ventos".
Dende a Plataforma indican que prefiren "actuar prudentemente" pospoñendo a manifestación para o domingo 20 por varios motivos: favorecer a participación, especialmente da xente maior e as familias con nenos e nenas que sempre asistiron ás súas convocatorias; para non desaproveitar todo o traballo de difusión feito con moito esforzo polas veciñas e veciños; e "o máis importante", para "coidar da nosa saúde para seguir a defender a sanidade pública con toda a forza".
"Sería o colmo caer enfermos dunha molladura e que non tiveramos médico para atendernos por culpa dos recortes da Xunta como ocorre neste momento no Centro de Saúde de Seixo, Marín e no PAC", sinalan desde a plataforma.
O colectivo reitera o chamamento a todas as veciñas e veciñas de Marín "para facer visible que a veciñanza de todo o concello está unida por unha atención sanitaria digna e contra os recortes".
Están convencidos de que "a presión da xente é a única maneira de parar o desmantelamento da sanidade pública" e convocan á cidadanía para as 12.00 horas do domingo 20 no centro de saúde de Marín.