Aspirantes a policías locais quéixanse por falta de obxectividade nas probas físicas
Por Manu Otero
As instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollen esta semana a realización das probas físicas de acceso ao corpo de Policía Local de 29 concellos de Galicia. Durante estes días, 324 aspirantes competiron polas 70 prazas dispoñibles.
Este proceso se viuse embazado polas queixas de numerosos opositores que denuncian falta de obxectividade por parte dos árbitros ao xulgar a validez de probas como as dominadas ou o salto horizontal.
"Temos que facer dez dominadas, pero non miden a todos coa mesma vara de medir", protesta amargamente un dos aspirantes. "A algúns lle permiten balancearse máis que a outros ou cando chegas a nove dominadas, non che dan por válidas as seguintes, outra cousa sería quedar en seis ou sete", engade o opositor.
Co salto horizontal tamén hai polémica. "Deron por nulos moitos saltos porque non tiñan os talóns totalmente apoiados", remarca outro aspirante en cuxa quenda quedaron excluídos 24 de 36 opositores.
Son coñecedores os examinados das normas e a rigorosidade deste tipo de probas, pero aseguran sentirse indefensos porque "non nos permiten gravar as probas nin pode entrar ninguén máis á sala". É este o principal motivo do enfado xeneralizado, que veñen arrastrando de concursos de anos anteriores nos que se repetía esta situación. "É coma se eu poño unha multa por exceso de velocidade, pero sen radar", exemplifica.
"Hai xente que leva tres anos preparando concienzudamente estas probas e que che boten fóra porque levantas un talón ou porque non che conten unha dominada cando xa fixeches nove perfectas, paréceme un crime", sostén outro dos aspirantes. As escenas de desconsuelo e rabia á saída da sala de moitos dos "non aptos" foron habituais durante toda a semana.
Pero non só houbo trabas nestas probas de carácter máis subxectivo. Nas probas de velocidade, un problema coa foto finish obriga aos responsables da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a encargada de coordinar o proceso selectivo, a repetir este domingo tres quendas de carreira á que están citados aqueles aspirantes que quedaron excluídos.
É preciso lembrar que nesta terceira fase do proceso selectivo, cada aspirante debe enfrontarse a unha carreira de 50 metros, outra de 1.000 metros e a exercicios de dominadas e salto horizontal.
No caso dos homes, deben completar as carreiras no tempo máximo de 7,40 segundos, a proba de velocidade; e 3:30, a de resistencia, ademais deben realizar 10 dominadas estritas e saltar unha distancia mínima de 210 centímetros sen impulso.
As mulleres deben correr os 50 metros en menos de 8,20 segundos e o quilómetros en menos de 4:10. O salto horizontal debe superar os 180 centímetros e en lugar de dominadas deben aguantar en suspensión agarradas á barra polo menos 52 segundos.
Desde a Vicepresidencia da Xunta, da que depende a Academia Galega de Seguridade Pública situada na Estrada, saíron ao paso das protestas dos aspirantes para explicar que "seguindo o criterio dos procesos doutros corpos de seguridade, nacionais, locais e autonómicos, as probas físicas non se gravan nin polos xuíces nin polas persoas aspirantes".
Así mesmo, defenden o criterio e a obxectividade dos árbitros ao sinalar que "os xuices foron os mesmos en cada unha das probas os dous días, polo que o criterio aplicado foi sempre o mesmo". A profesionalidade dos mesmos está tamén fóra de toda dúbida, debido a que "os exercicios son valorados por xuices da Federación Galega de Atletismo, que foi o colaborador técnico designado polo Tribunal do proceso, dun xeito totalmente obxectivo", puntualizan desde a Xunta.
En cambio, si que admiten desde o tribunal que se produciu un problema técnico na proba dos 50 metros. "Tendo en conta as alegacións presentadas e tendo constatada a avería que se produciu nos medios técnicos da Federación Galega de Atletismo, que se producíu nas series 1, 6 e 8 da proba de velocidade, acordouse emitir unha resolución na que se convoca ás persoas desas tres series que resultaron non aptas á realización das probas físicas o vindeiro domingo 13 de febreiro de 2022 ás 9 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra", recolle o comunicado.
Desde o ano 2017, no que a Xunta asinou o protocolo de colaboración coa FEGAMP para a cooperación do executivo autonómico cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de Policía Local, o que permite mellorar a profesionalización deste servizo. Actualmente son 89 concellos dos 129 que contan con corpo de Policía Local os que xa delegaron na Xunta a selección dos seus policías.
No proceso aberto cubriranse 70 prazas convocadas polos seguintes 29 municipios: A Coruña, A Pobra de Trives, Betanzos, Bueu, Carballiño, Fene, Ferrol, Foz, Lugo, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, O Rosal, Ordes, Ortigueira, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.