Acordo unánime no Parlamento para reclamarlle á Xunta a senda entre Combarro e Fontenla
Por Redacción
Deputados do PP e do BNG uniron os seus votos aos do PSdeG-PSOE para reclamarlle de xeito unánime á Xunta de Galicia que execute unha nova senda peonil na estrada PO-308, concretamente no treito entre Combarro e Fontenla, no municipio de Poio.
A proposta, que presentou na cámara a deputada socialista Paloma Castro, demandaba que esta actuación fora executada este mesmo ano, coa fin de evitar que reducir o índice de sinistralidade que se rexistra en esta estrada de titularidade autonómica.
Castro defendeu que a Xunta ten que actuar "inmediatamente" nesta vía, na que segundo os datos de Tráfico, aumentaron os accidentes un 12% o ano pasado.
A deputada pontevedresa asegurou que, a pesar dos compromisos da Xunta, só se iniciaron as expropiacións para o tramo Fontenla-Combarro, pero non se fixo nada para o tramo Combarro-Chancelas, a pesar de que as dúas obras ían a ser simultáneas.
A representante do PSdeG-PSOE lamentou que a Xunta só actúe nesta entrada a través de "pequenos treitos" cada catro anos "para ter algo que venderlle á veciñanza" e ironizou con que, a este ritmo, "en catro mandatos teremos acondicionada esta estrada".
Aínda que non compartiu esta exposición, Lupe Murillo defendeu o voto a favor do PP a esta iniciativa, asegurando que a Xunta está a cumprir os "compromisos adquiridos" para mellorar a seguridade viaria na PO-308, poñendo un "especial énfase" na protección dos peóns.
Así, asegurou que se está a tramitar a senda e a mellora viaria no tramo Fontenla-Combarro e, ao mesmo tempo, avanza a nova información pública do tramo Combarro-Chancelas-Samieira.
A deputada popular afirmou que o goberno galego mobilizou na mellora desta estrada case 16 millóns de euros, que se completarán con outros 2,14 millóns nas sendas e melloras de seguridade viaria en Combarro, por un lado en Fontela e por outro en Chancelas e Samieira.
Desde a bancada do BNG, Luis Bará recordou que a PO-308 é unha das estradas galegas con maior densidade de tráfico e cunha sinistralidade "altísima", fundamentalmente atropelos.
"O problema é que non se fixo un proxecto de reforma integral desta estrada", apuntou Bará, que podería executarse por fases, en lugar do "troceo" actual que está dando lugar a "sectarismos" ao reformar os treitos da PO-308 en Sanxenxo, onde goberna o PP, e non os de Poio.
Asegurou que esta forma de proceder é "totalmente discriminatorio" para a veciñanza de Poio, onde se ten reclamado sen éxito a reurbanización da avenida da Barca e da zona de Andurique ou a construción do vial do Vao "que aliviaría o tráfico" en toda a PO-308.