Seis empresas optan a renovar o parque Amalia Álvarez, que estará mes e medio en obras
Por Redacción
A mesa de contratación do Concello analizou este xoves as seis propostas presentadas polas empresas interesadas en executar as obras de remodelación paisaxística do parque Amalia Álvarez, situado entre as rúas Eduardo Pondal e Filgueira Valverde.
As ofertas foron presentadas por compañías especializadas neste ámbito de actuación como Bricantel, Constructora e Ingeniería Messi, Garocaprim SL, HPC Ibérica, Instalaciones Deportivas Gallegas SL e Zona de Obra O Rosal.
O contrato saíu a licitación por case 60.000 euros e a empresa gañadora terá que rematar os traballos nun prazo de mes e medio, a contar desde o inicio dos traballos.
O proxecto prevé a creación dunha área de xogos infantís de 284 metros cadrados para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos na zona sur do parque, así como a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.
A nova área de lecer infantil estará pechada en todo o perímetro e deberá contar cando menos cun elemento de xogo que conte con criterios de accesibilidade universal, debendo ser este un elemento dinámico ou do tipo carrusel, que xere movemento ao introducirse no seu interior.
Ademais, deberá incluír como mínimo un bambán cunha cadeira tipo cueiro e outra plana, un xogo combinado con tobogán, rede de escalada, plataforma e escada, un elemento composto de casiñas de xogo ou un xogo tipo resorte con capacidade para dúas persoas.
No prego de prescricións técnicas tamén se definen, o tipo de pavimento amortecedor, o peche do perímetro do parque infantil e unha zona de descanso para os acompañantes cun banco corrido de oito metros ancorado no muro que delimita o terreo polo norte.
O parque redefinirá as súas zonas verdes, apostando por unha óptima composición a nivel de xardinería e por instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios deste ámbito urbano.
O proxecto complétase cunha malla antiherbas, arborado e plantas vivaces e a subministración e instalación dun punto de recarga cun mínimo de dous conectores USB e un enchufe, soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación.