O renovado parque Amalia Álvarez: un investimento de 60.000 euros e unha área de xogos de 284 metros
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está a piques de sacar a contratación un proxecto de reforma paisaxística do concorrido parque de Amalia Álvarez, unha actuación que recibirá un investimento de 59.875,14 euros e que permitirá dotar este espazo dunha área de xogos de 284 metros cadrados.
Segundo informa a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que impulsa a actuación, a área de xogos está pensada para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos e estará na zona sur do parque.
A intervención está deseñada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira (da firma Acroa) e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán e tamén contempla a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.
O concelleiro responsable deste departamento, Iván Puentes, explica que o proxecto entra en fase de contratación e só lle resta que a Xunta de Goberno lle dea o seu visto e prace para poder licitarse.
O prego de prescricións técnicas define que o parque teña pavimento amortecedor, un peche do perímetro e unha zona de descanso para os acompañantes cun banco corrido de oito metros no muro que delimita o terreo polo norte.
Ademais, será obrigado que haxa cando menos un elemento de xogo con criterios de accesibilidade universal e unha randeeira cunha cadeira tipo cueiro e outra plana.
Iván Puentes destaca que o proxecto permitirá mellorar o valor paisaxístico deste espazo e incorporar árbores que envolvan o novo parque.
O edil socialista subliña que o parque de Amalia Álvarez atópase nunha das máis importantes bolsas de solo urbano no centro de Pontevedra e "cómpre dotalo dun equipamento público dedicado aos máis cativos e axeitado ás novas demandas futuras do barrio".
Relacionadas:
-
O parque infantil da Praza de Europa permanecerá pechado durante dúas semanas por obras
Por Redacción |
-
Seis empresas optan a renovar o parque Amalia Álvarez, que estará mes e medio en obras
Por Redacción |
-
Pontevedra pecha o ano licitando obras por 4,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Desbloquean a ampliación da pasarela cun novo parque entre a Rúa da Estrada e a Rúa das Hortas
Por Alejandro Espiño |
-
'Pontecaca', o mapa que saca á luz a "abundancia de excrementos" de can en rúas e parques de Pontevedra
Por Redacción |
-
Proxectan unha nova zona de xogos e un pequeno parque para cans dentro dun plan de mellora integral de Amalia Álvarez
Por Redacción |