Purificación Mayobre, na UNED: "O feminismo é o movemento máis pacifista da historia"
Por Redacción
A profesora universitaria, filósofa, escritora e militante feminista Purificación Mayobre Rodríguez impartiu esta semana unha conferencia no salón de actos do centro asociado da UNED en Pontevedra baixo o título 'Introdución do pensamento feminista en España'.
Purificación Mayobre Rodríguez, profesora titular de Filosofía da Universidade de Vigo, fixo unha aproximación ao pensamento feminista desde as súas orixes, que datou no século XVIII á calor da Ilustración, e centrou parte da súa intervención en poñer de relevo a loita de moitas pensadoras que, ás veces ocultas baixo pseudónimos ou a través do uso do nome dos seus maridos ou irmáns, foron publicando e divulgando as ideas de igualdade e equiparación de dereitos entre o home e a muller nos albores da Revolución Francesa.
A profesora destacou o papel de Hubertine Auclert, autora dunha publicación en La Citoyenne, en 1882, primeiro escrito feminista publicado e que serviu "para evidenciar todo un movemento social e político xurdido ao redor dun proceso plural que buscaba a confluencia na igualdade entre homes e mulleres e/ou o empoderamento feminino", en palabras de Mayobre.
O escrito tamén abordou o acceso libre á educación por parte das mulleres, un tema ata ese momento pouco entendido onde había unha crenza xeneralizada, mesmo de pensadores ilustrados do momento como Rousseau, de que a muller era un ser inferior desde o punto de vista anatómico e biolóxico.
"O feminismo é o movemento máis pacifista da historia", aseverou Purificación Mayobre nun acto que contou coa presentación do director da UNED en Pontevedra, Víctor M. González Sánchez, e no que interveu como moderador Marcelino Agís Villaverde, catedrático de Filosofía da USC e profesor-titor con Venia Docendi da UNED en Pontevedra.
A conferencia foi seguida por un importante número de alumnos de Filosofía do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e debullou os distintos avances e retrocesos do movemento feminista desde a irrupción de figuras como as de Olympe Gonges, Mary Wollstonecraft ou Harriet Taylor ata chegar aos nosos días, pasando polo movemento sufragista e a loita das mulleres por conquistar os seus dereitos e os novos retos da sociedade a través das políticas de igualdade e o empoderamento feminino.