Alertan dunha estafa na que ofrecen limpezas gratis de colchóns a persoas maiores para roubarlles
Por Redacción
En tan só cinco días, entre o 26 e o 31 de xaneiro pasados, a Policía Local de Poio tivo constancia de tres estafas diferentes no municipio. Nunha delas, as vítimas son persoas maiores ás que ofrecen servizos de limpeza de colchóns para roubarlles, noutra, un veciño de 77 años ao que enganaron para asinar créditos por 24.000 euros e noutra, o engano tivo relación coa compra dun teléfono móbil iPhone.
Son tres casos que permiten confirmar un comportamento xa detectado pola Policía Local desde hai varias semanas, un aumento de estafas no municipio, en especial, a persoas maiores de 65 anos, aproveitándose da súa soidade e exceso de hospitalidade.
O día 26 de xaneiro a Policía Local foi alertada dunha suposta estafa durante visita a un domicilio para a limpeza e desinfección de colchóns. Segundo constataron os axentes, os supostos timadores contactan telefonicamente con persoas maiores e ofrécenlle realizar dita limpeza de forma gratuíta co fin de entrar nas estancias de persoas vulnerables para furtar nas súas vivendas.
Ao día seguinte, o 27 de xaneiro, unha veciña de Poio denunciou na Xefatura da Policía Local outra suposta estafa. Segundo explicou, realizou un pedido dunha réplica dun teléfono iPhone 13 nunha páxina de Facebook e pagou 190 euros. En lugar de chegarlle á súa casa o produto que pedira, enviáronlle unha réplica que non funciona dun iPhone 7. Ademais, ao mesmo tempo, retiráronlle do banco 3.000 euros.
A Policía Local puido averiguar que o teléfono que lle enviaron fora roubado e logrou identificar á persoa que realizou o envío, o suposto estafador.
O día 31 de xaneiro axentes da Policía Local tiveron coñecemento da terceira denuncia en cinco días. Unha veciña chamou ao Corpo policial pola sospeita de que un home de 77 anos que vive só podería estar sendo vítima dunha estafa.
Os axentes foron á vivenda e identificaron dous homes que traballan para unha suposta empresa de Palma de Mallorca e que estaban no lugar para a entrega dun cadeira de brazos sofá, unha aspiradora e un reloxo.
O ancián denunciou que desde hai algún tempo pasan pola súa vivenda comerciais para ofrecer obxectos gratuítos indicándolle que é cliente preferente porque acumulaba moitos puntos ao seu favor. Durante estas visitas, enganárono para asinar documentos co obxectivo de entregar máis obxectos, sendo o último unha cadeira de brazos pola que pretendían cobrar 6.000 euros.
Os supostos estafadores lograron enganar o ancián para asinar varios créditos e acumula unha débeda coa empresa de 24.000 euros, cun custo mensual de 700 euros.
Os feitos foron denunciados e postos a disposición xudicial.
A Policía Local alerta de que as persoas maiores adoitan ser as vítimas maís habituais das bandas adicadas aos roubos e estafas. Isto é motivado porque un alto porcentaxe son persoas que viven soas e son vulnerables.
Para evitar caer nas estafas, a Policía aconsella non confiar en chamadas deste tipo nin abrir a porta a descoñecidos. Tampouco se deben facer enquisas na porta da casa nin asinar ningún tipo de contrato e, en caso de dúbida, sempre se debe contactar coa Policía.