O colexio de Cerdedo porá en marcha un horto ecolóxico
Por Redacción
A comunidade educativa do Colexio San Xoán Bautista de Cerdedo porá en marcha un horto ecolóxico onde o alumnado poderá manter unha relación directa entre as materias que aprende en clase e a experiencia práctica.
Os operarios do Concello de Cerdedo-Cotoade, a petición da dirección deste centro educativo, realizaron as obras e os traballos necesarios para a creación de bancales, colocación de cerramento, porta e o aporte de terra negra para a creación dunha horta escolar.
O alcalde, Jorge Cubela, na compaña da tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado achegouse ata o centro educativo para comprobar o resultado dos traballos e salientou a importancia da iniciativa.
"A nosa colaboración con todos e cada un dos centros de ensino no municipio é unha constante que ademais levamos ata as últimas consecuencias xa que apostamos como un valor fundamental pola educación pública e de calidade para que os nosos cativos conten coas ferramentas e competencias necesarias para que poidan desenvolverse nas mellores condicións posibles e poidan construír o seu futuro", indicou o alcalde, Jorge Cubela.