Montecelo acolle unha nova protesta de representantes sindicais contra a xerencia da área sanitaria
Por Redacción
Continúa o calendario de protestas establecido polos representantes sindicais da sanidade pública en Pontevedra. Este venres protagonizaron unha nova protesta na entrada do Hospital Montecelo, entre as 11.00 e as 12.00 horas.
Os manifestantes portaron unha pancarta na que denuncian que a dirección da área sanitaria non respecta aos órganos de representación como son a comisión de centro e a xunta de persoal. Sinalan que se lles está "ponteando" e non se lles ofrece información sobre determinadas decisións que se adoptan e que afectan o persoal tanto de Atención Primaria como dos distintos servizos dos centros hospitalarios.
A este acto de protesta tamén se sumaban traballadores do centro de saúde da Parda, que realizaron unha protesta no seu lugar de traballo para mostrar o seu apoio aos representantes sindicais denunciando a actitude por parte da xerencia que lidera José Ramón Gómez.
Esta mesma semana, representantes sindicais trasladaban a queixa de maneira persoal ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa visita a Campo Lameiro.
Tamén enviaron un escrito demandando unha reunión coa dirección e con Recursos Humanos do Sergas para buscar unha solución que permita establecer un diálogo e garanta que os representantes dos traballadores recibirán información continua para poder negociar antes de que se adopten determinadas decisións que afectan os profesionais sanitarios.
Relacionadas:
-
Os sindicatos da área sanitaria 'rompen' co actual equipo directivo tras dous anos "insoportables"
Por Redacción |
-
Representantes sindicais piden ao conselleiro de Sanidade que medie no conflito coa xerencia da área sanitaria
Por Redacción |
-
Representantes sindicais plantan á xerencia da área sanitaria por falta de información sobre impagos ao persoal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |