O Colexio de Arquitectos demanda a aprobación do PXOM "porque supón un freo ao desenvolvemento de Pontevedra"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A directiva da delegación de Pontevedra do Colexio de arquitectos, encabezada polo seu presidente, Manuel Abilleira, suxeriu mantivo este martes unha xuntanza co tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, na que se puxo sobre a mesa a situación actual da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O Colexio de Arquitectos volveu demandar o impulso aos trámites para a aprobación do Plan, o que, ao seu xuízo, supón un freo ao desenvolvemento de Pontevedra e dificulta a materialización de proxectos inmobiliarios e empresariais tanto en solo urbano como en núcleo rural.
Antón Louro respondeu que a súa vontade, e a do grupo socialista, está clara. "Trátase dun compromiso electoral e recollido no pacto de goberno, pero o PXOU require da vontade das outras dúas forzas políticas do arco municipal e, agora mesmo, non se dan as condicións".
Ademáis falouse da futura ordenanza de avaliación do estado das edificacións. Na xuntanza celebrada no Concello, os arquitectos aplaudiron esta normativa, pero consideraron insuficiente que se regule a inspección de edificios dunha determinada antigüidade. Os arquitectos entenden que tamén debería haber inspeccións obrigadas nos edificios que teñan sufrido algún tipo de incidente que comprometa a seguridade.
Louro recibiu de bo grao a proposta, así como que se abra a posibilidade de que as comunidades de veciños interesadas podan facer avaliacións, a prezo taxado e cos técnicos encadrados nunha listaxe pública, con fins puramente preventivos, de tal xeito que poidan dispor dun diagnóstico para planificar a conservación en perfectas condicións do inmoble.
O tenente de alcalde indicou que a futura ordenanza, que incorporará os últimos cambios legais que obrigan a certificar tamén a accesibilidade e a eficiencia enerxética, servirá para avaliar non só as condicións estruturais e de seguranza do edificio, senón tamén todo o relativo as súas instalacións.
Por outra banda, ambas partes valoraron o avance que supuxo a ordenanza de Simplificación Administrativa e a introdución das "licenzas express" para a apertura de negocios. Sen embargo, está a haber problemas no cumprimento dos requisitos legais, que o Concello controla agora "a posteriori", vía inspección. Está en estudo a posibilidade de organizar unha xornada informativa, con participación de técnicos municipais, dirixida aos profesionais e ao público en xeral.