A Garda Civil desmantela en Pontevedra unha banda especializada no roubo de xoias en vivendas durante días de sol
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra desmantelou un grupo criminal especializado no roubo de xoias en vivendas habitadas en distintos puntos de Galicia. A operación, denominada PIMOS, contou cunha primeira intervención no barrio pontevedrés de Os Salgueiriños e en Tenorio e Postemirón e sáldase cun total de 16 persoas detidas, a maioría con numerosos antecedentes por delitos contra o patrimonio nas localidades de Vilaboa, Cotobade, Pontevedra, Poio e Ponteareas.
A operación arrancou hai varios meses co Grupo de Patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra á fronte da investigación que estableceron as primeiras conexións entre os roubos con forza e furtos no interior dos domicilios.
O principal obxectivo desta banda especializada eran as xoias. Durante os rexistros practicados tras os arrestos coa autorización do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra localizáronse ferramentas profesionais para a pesaxe de ouro e pedras preciosas en domicilios dos detidos. Entre eses obxectos, encontráronse lupas, sistemas para contrastar a pureza dos diamantes, distintos ácidos e pedras de "Arkansas" que se empregan para determinar a pureza do ouro.
ACTUABAN EN DÍAS DE SOL
Esta organización encontrábase xerarquizada, segundo informa a Garda Civil, e cada membro cumpría unha función determinada. Vincúlaselles cun mínimo de vinte roubos con forza e furtos no interior de domicilios habitados en distintas localidades da provincia de Pontevedra como Vilagarcía, Poio, Pontevedra, Caldas de Reis ou Soutomaior; A Coruña e Ourense.
Non seleccionaban as súas vítimas ao azar senón que buscaban obxectivos viables e desplegaban un sistema para coñecer os hábitos e horarios dos residentes no domicilio para actuar durante a súa ausencia e sempre de día. Mentres uns accedía á vivenda forzando as portas de acceso e buscaban as xoias ou outros obxectos que puidesen revender con marxe abondo, outros vixiaban o ámbito para evitar ser sorprendidos.
Non só actuaban durante o día senón que buscaban xornadas asolladas. Nalgunhas vivendas do rural conseguiron acceder a domicilios que, aínda que desocupados, tiñan as portas abertas porque os seus propietarios realizaban tarefas do campo na leira anexa.
Uns membros da banda eran os autores materiais dos roubos con forza mentres que outros se dedicaban a vender o material subtraído en tendas de segunda man ou de compra venda de ouro.
Os dez primeiros arrestos producíronse o 22 de outubro no barrio de Salgueiriños (Pontevedra), Postemirón (Vilaboa) e Tenorio (Cotobade). Catro persoas máis foron detidas no poboado do Vao o 5 de novembro e as dúas últimas foron arrestadas no municipio de Ponteareas. A estas últimas e a outros tres detidos o día 22 súmanselle ademais delitos de tráfico de drogas. A investigación conclúe que estes cinco detidos participaría na introdución de drogas no interior do centro penal da Lama.
Nos rexistros domiciliarios que se realizaron, oito en total, incautáronse ademais de xoias e reloxos, equipos informáticos, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas, unha importante cantidade de diñeiro en metálico, 14 gramos de cocaína e un revólver. Unha vez comprobada a procedencia de todo o intervido, a Garda Civil considera que, á vintena de roubos con forza denunciados noutras tantas vivendas, poderíaselle sumar máis en próximas datas.
O material intervido cuxa propiedade non estea acreditada será exposto ao público a partir de mañá mércores 6, de 9.00 a 14.00 horas, nas dependencias da Comandancia da Garda Civil en Poio. As persoas que recoñezan algún obxecto da súa propiedade deberán acreditalo achegando copia da denuncia formulada no seu día ou mediante algún outro documento.
Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra que decretou liberdade provisional con cargos dos 16.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Redada antidroga da Garda Civil no Vao de Arriba con seis detidos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
A xuíza deixa en liberdade con cargos a todos os detidos da redada de Pontevedra, Vilaboa e Cotobade
Por Natalia Puga |
-
Atribúen unha vintena de roubos en casas aos detidos na última redada da Garda Civil
Por Natalia Puga |
-
Dez detidos nunha redada antidroga en Pontevedra e bisbarra
Por Natalia Puga |