Unha escola de coñecementos explotará o potencial económico do rural pontevedrés

Por Redacción
O programa 'Ruralactivo', posto en marcha polo Concello de Pontevedra para revertir a situación de abandono do rural, chega unha nova fase no mes de novembro. Ata abril porase en marcha unha escola de coñecementos que os seus impulsores definen como "programa formativo para o fomento o faciltación do emprendemento rural" e que incluirá cursos presenciais, visitas a proxectos en activo e xornadas de transmisión de sabedoría.
A escola de coñecementos é un paso máis no obxectivo deste programa que na súa primeira fase se centrou en fomentar o autoemprego en Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido e agora se abre a todas as parroquias. O deseño da mesma realizouse a partir das conclusións extraídas na primeira fase do Ruralactivo: os faladoiros, onde a xente analizou as parroquias, as súas potencialidades (como o patrimonio material, inmaterial e ambiental) e onde se comezou a dar forma a posíbles iniciativas de autoemprego.
Os cursos ofrecidos na escola de coñecementos queren dar resposta ás necesidades e intereses formativos das persoas das parroquias ademais de axudar a levar adiante iniciativas de autoemprego. A asistencia aos cursos, saídas e xornadas de transmisión de sabedoría será de balde.
O sábado 9 de novembro, de 10.30 a 13.30 horas, celebrarase na Casa da Cultura de Santa María de Xeve unha xornada #porunRuralActivo, na que iniciativas galegas de autoemprego rural e do patrimonio contarán a súa experiencia emprendedora.
Contarase coa presenza do Rei Zentolo, o Festival de Cans, Monte Cabalar, Hortasán e haberá unha pequena presentación da iniciativa Estruming Days. Será unha xornada de transmisión de sabedoría na que a veciñanza intercambiará coñecementos de xeito horizontal, sen mestras nin alumnos.
Unha parte importante deste programa formativo intégrana catro cursos que terán lugar na casa da cultura de Santa María de Xeve entre as 19.00 e as 21.00 horas. A inscrición é aberta e gratuíta para todas aquelas persoas interesadas sexan ou non destas parroquias.
O primeiro deles terá lugar o 19 e 26 de novembro e versará sobre Organización empresarial e financiamento alternativo. No mes de decembro, os días 10 e 17, terá lugar o curso sobre Turismo e patrimonio. O 14, 21 e 28 de xaneiro celebraranse as sesións sobre Agroecoloxía e diversificación de montes e en febreiro, os días 11 e 18, sobre Atención e coidados á infancia e á terceira idade.
Nos meses de marzo e abril organizaranse unha serie de visitas a empresas de algúns dos sectores antes citados coa intención de coñecer en persoa como traballan e atopar referentes ou inspiración para a concreción doutros posibles proxectos de autoemprego.