
CC BY-NC-SA PontevedraViva
'Ruralactivo': comezando por Xeve para revertir o abandono do rural

Por Redacción
O Concello de Pontevedra quere "revertir esta situación de abandono do rural" e rachar con que "continuamente se está a enviar unha mensaxe de que o rural está esgotado e hai que marchar". Para poñer a primeira pedra desta senda, acaba de poñer en marcha o proxecto 'Ruralactivo' nas parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, "o que no seu tempo fora o Concello de Xeve".
O proxecto presentárono este venres 1 de marzo os concelleiros de Rural e Patrimonio, Demetrio Gómez, Miguel Filgueira e Luis Bará, cunha mensaxe de que "non vivimos nun país pobre, senón empobrecido e cun sistema inxusto" e de que a crise económica actual "está afectando a todo o mundo, pero especialmente ás mulleres e á mocidade".
Partindo desta declaración de intencións, 'Ruralactivo' preséntase como "un proxecto de dinamización socioeconómica dunha zona de interese do noso Concello" que busca fomentar o autoemprego e está estinado a mulleres e xuventude.
Demetrio Gómez explicou que o obxectivo é facilitar e incentivar que estes sectores da poboación se involucren na construción de alternativas de traballo que supoñan o aproveitamento, o respecto e o coidado do patrimonio da zona. Polo tanto, as persoas que participen nel serán a base, as protagonistas e as directoras do mesmo.
Unha das técnicas responsables do proxecto, Paula Lubián, explicou que a primeira fase do proxecto comezará en marzo e estará orientada a detección das necesidades e intereses das persoas participantes e na identificación dos recursos ambientais e patrimoniais dos que dispoñen. Para iso, convocaranse unha serie de encontros informais, denominados faladoiros, cuxo obxectivo será invitar ás persoas asistentes a reflexionar de xeito individual e colectivo sobre os intereses e necesidades con respecto a cuestións relacionadas co emprego ou a formación. O primeiro será o 14 de marzo ás 20.30 horas no Centro Cultural de Santa María de Xeve.
Paralelamente, desenvolverase un traballo de análise documental ao que se lle sumarán as conclusións extraídas dos diferentes faladoiros para a elaboración dun documento de diagnose. En base ás conclusións que se extraian del, desenvolveranse as seguintes fase do proxecto: por unha banda, tentarase poñer en marcha unha escola de coñecementos, aberta a todas as mulleres e xuventude das parroquias e, finalmente, a creación dun banco de ideas de autoemprego acompañado da posta en marcha dun proxecto piloto.
Luis Bará anunciou que as fases de diagnose e escola de coñecemento se desenvolverán ao longo do ano 2013, mentres que a fase de banco de ideas e experiencia piloto aínda non teñen data prevista, pois "os prazos irán marcándoos os propios protagonistas".