O Estado e o Concello de Marín tamén rexeitan a modificación do proxecto sectorial de ENCE
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Xunto ás xa coñecidas alegacións do Concello de Pontevedra ou a Asociación Pola Defensa dá Ría (APDR) a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da fábrica de ENCE Lourizán tamén se atopou co rexeitamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Concello de Marín.
En canto ao Ministerio, emitiu un informe negativo a esta modificación que pretende a empresa pasteira do documento urbanístico que ordena todo ese ámbito de Lourizán recriminando a Ence, entre outras cousas, que "non ten en conta que recaeron tres sentencias da Audiencia Nacional" que anulan a prórroga da concesión en dominio público marítimo-terrestre.
Por outra banda, segundo informaba esta semana o xornalista David Reinero en Praza.gal, Marín, nun informe asinado pola arquitecta municipal e emitido o 16 de novembro, critica a falta de integración paisaxística das actuacións que se quere Ence realizar no complexo, co seu impacto sobre a biodiversidade polo aumento de augas residuais, sobre a mobilidade polo incremento do tráfico de camións e mesmo sobre a paisaxe xeral.
"Non se valoran os efectos sobre os montes da contorna e as especies forestais, nas que se crea un monocultivo con especies alóctonas invasoras", di a alegación de Marín que tamén indica que na proposta de modificación urbanística presentada por Ence "recolle un incremento da vertedura de augas residuais, cun impacto negativo significativo".
A arquitecta cita decretos e leis da propia Xunta que supostamente incumpriría a proposta da fábrica de celulosas e lembra que a ría de Pontevedra está recoñecida como "zona sensible", segundo a Unión Europea no que respecta a a directiva de tratamento de augas residuais urbanas e conclúe finalmente que o proxecto "causa un importante impacto visual dado a súa localización, que non está suficientemente xustificado no documento inicial estratéxico".