O BNG acusa á Xunta de "discriminar" a Poio e o PSOE fala de "sectarismo"
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O BNG acusa á Xunta de "discriminar" á veciñanza de Poio e o PSOE fala de "sectarismo da Xunta" despois de ver como a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez asinaba este luns un convenio co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo, "mostrando máis unha vez a doble vara de medir e o sectarismo político da Xunta do PP".
A responsable local do BNG, Marga Caldas, lembra que xa levan anos demandando ao goberno galego a urbanización da PO-308 ao seu paso por Poio, facilitando a mobilidade peonil e ciclista e mellorando a seguranza viaria en todo o traxecto, "sen que desde a Xunta de Galicia se dignasen a atender unha demanda amplamente secundada polo vecindario e a corporación municipal".
Tamén o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio instou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a que "abandone as políticas sectáreas" e, "do mesmo xeito que o fai en concellos gobernados polo Partido Popular", se implique na mellora da PO-308 ao seu paso polo núcleo de San Salvador, entre a rotonda da Barca e a Avenida da Porteliña.
O voceiro socialista, Gregorio Agís, afirmou que "o Goberno de Feijoo sempre dá prioridade ás siglas políticas antes cas necesidades dos veciños". Os socialistas deixan claro que non se opoñen ás actuacións planificadas "nin en Sanxenxo nin noutros concellos", pero teñen claro que "Poio sae claramente perdendo se comparamos o trato existente cara Sanxenxo cando falamos da mesma estrada", ademais de lembrar que a Xunta segue sen actuar na PO-303, entre Samieira e Meis, a pesar do seu "evidente estado de abandono e da absoluta falta de seguridade".
Por último, o grupo municipal socialista lembra que o Concello de Poio, ten practicamente listo un proxecto para a mellora do vial ao seu paso por San Salvador. "Presentarémolo en breve e llo ofreceremos á Xunta. Confiamos en que, por unha vez, deixen de lado as siglas e se centren nas necesidades da veciñanza", declarou Agís.
A responsable local do BNG, Marga Caldas, lembrou que este é un treito plenamente urbano, con moita actividade residencial, comercial, hosteleira e de servizos en xeral, "no que son frecuentes os accidentes e especialmente os atropelos de peóns". Afirma o Bloque que, malia ser unha zona urbana, a PO 308 ten nesta zona características de estrada de paso, cun tráfico moi intenso e con moitas deficiencias en materia de seguridade, accesibilidade e comodidade para as persoas que se desprazan a pé.
"Os veciños e veciñas de Poio non merecen que a Xunta os trate como cidadáns de segunda, e desde o Concello e desde o Parlamento galego, o BNG seguirá traballando para que a PO-308 deixe de ser a vía de paso que é hoxe para converterse nun lugar con calidade urbana e seguridade para as persoas, tal e como reivindicamos os veciños e veciñas e o goberno municipal de Poio", sentenciou a portavoz nacionalista.
RESPOSTA DO PP
O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, pediu este martes aos grupos que conforman o Goberno local "que abandone a política de confrontación, sectarismo e insulto permanente coa Xunta de Galicia e aposte polo diálogo e o traballo para conseguir máis investimentos para Poio".
Moldes lamentou o "postureo" de BNG e PSOE ao criticar os investimentos da Xunta noutros concellos "en lugar de traballar para conseguir máis investimentos en Poio de todas as administracións".
O PP sinalou que a Xunta é a administración que máis inviste en Poio "como os 9 millóns en obras e servizos realizados pola administración autonómica en 2021" e ao respecto da estrada PO-308 "o Goberno galego leva investidos nos últimos anos 5 millóns de euros nas beirarrúas da PO-308 entre O Covelo e Raxó, e actualmente ten comprometidos outros 17 millóns nesta estrada, cos tramos de beirarrúas e seguridade para peóns e ciclistas desde Fontenla ata Chancelas que xa están publicados no DOG e en proceso administrativo".
Proxectos todos eles, segundo dixo Moldes, nos que o Goberno de Poio "máis que axudar, puxo e pon paus nas rodas".
Por último, Moldes subliñou que o PP apoia todos os investimentos en mobilidade e seguridade que está a facer a Xunta e solicita que se fagan todos os posibles.
Relacionadas:
-
Ethel Vázquez empraza ao Concello de Poio a que elabore un proxecto para humanizar o tramo da PO-308 en San Salvador
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta presentará o mércores o proxecto de reordenación dos accesos ao porto de Raxó
Por Redacción |
-
Luciano Sobral solicita unha reunión coa Xunta para falar da mellora da PO-308 no núcleo de San Salvador
Por Redacción |
-
A reforma prevista na PO-308 ao seu paso por Portonovo "converterá a esta estrada nunha rúa"
Por Oskar Viéitez |