Operarios municipais da Lama borran dúas pintadas machistas no colexio público
Por Redacción
O Concello da Lama informa de que unha brigada de obras municipal procedeu ao borrado dunhas pintadas de contido machista aparecidas nas paredes do colexio público da localidade.
Foi o director do centro escolar, Rafael Sánchez-Agustino, o que avisou ao propio alcalde, Jorge Canda, quen a continuación deu conta do incidente á Garda Civil para que se inicien as pescudas necesarias para localizar aos autores destes actos vandálicos.
Os operarios municipais tiveron que aplicar dúas mans de pintura para eliminar as mensaxes sexistas e insultos machistas cara ás mulleres que apareceron en varias paredes e lugares de uso común do colexio público da Lama.
O tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, David Carrera, cualificou o feito de "moi grave non so polo feito en si e o contido das pintadas senón porque se teña feito nun centro escolar, exposto á vista dos cativos, nun lugar onde se loita e se combate a diario contra os roles machistas, o sexismo e a violencia de xénero e onde se promocionan valores de respecto e tolerancia e se impulsan políticas de igualdade".
O concelleiro de Igualdade agarda que non se volvan repetir estes actos vandálicos, "aínda así, estamos en contacto coa Garda Civil para identificar ao autor ou autores destes feitos coa intención de que reparen a súa falta e sexan apercibidos para que non volva suceder".