O CEIP Vidal Portela sofre a ira dos vándalos
Por Redacción
- Romperon os cristais de seis fiestras
- Queimaron unha árbore e unha rede
- Esnaquizaron dúas baixantes de pluviais
- Arrincaron unha pranta
- Rebentaron unha tubería de extracción de fumes
- E deixaron unha rata aberta en canle ante a porta do colexio
Este é o inventario de danos que un grupo de vándalos ocasionou esta fin de semana no Colexio de Educación Infantil e Primaria, Manuel Vidal Portela.
Os danos descubríronse a primeira hora da mañá cando profesores e alumnos acudían ao centro para renovar a actividade docente tras permanecer o centro pechado durante o fin de semana.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, xa deu orde aos servizos técnicos para que procedan á reparación de todos estes danos, uns traballos que comezaron unha vez que a policía científica terminou de recoller probas.
Os investigadores policiais entrevistáronse tamén coa dirección do colexio.
Pola súa banda, Agustín Fernández, tras de condenar esta acción vandálica sinalou que ten solicitado á policía que incremente a vixilancia nas fins de semana nos centros escolares aínda que é consciente da dificultade que isto entraña fronte a quen pretenden facer dano custe o que custe.