A lonxa de Marín rompe a tendencia negativa e completa o seu segundo ano en crecemento
Por Manu Otero
"O ano 2021 aínda non o temos pechado, pero vai ser moitísimo mellor que o anterior", explican desde a Autoridade Portuaria de Marín, cuxos datos das últimas anualidades confirman que o volume de descargas de peixe fresco na lonxa marinense rompeu a tendencia negativa da década pasada para iniciar unha senda de crecemento.
Á espera de contabilizar as cifras do pasado mes de decembro, na rula marinense descargáronse ao longo do pasado ano 2.114 toneladas, unha cifra que supera en 224 toneladas o descargado polos barcos no ano 2020 e en todos os anos da década anterior.
De feito, o ano 2020 xa batera, cun total de 1.890 toneladas descargadas, as 1.720 capturadas no 2019, rompendo por primeira vez unha tendencia negativa que se establecera a principios da década e que só se rompeu de forma puntual no 2013 e 2016, segundo os datos das memorias anuais que cada ano publica a dirección do Porto de Marín e Ría de Pontevedra.
Con todo, a abundancia de peixe non sempre é sinónimo de riqueza económica. O total de facturación do ano 2021 aínda non está dispoñible, pero en Marín están convencidos de que superará por moito o recadado no 2020, no que a pesca fresca só reportou 2,75 millóns de euros. Uns tres millóns de euros menos que no 2019, a pesar de que o volume de capturas deste exercicio fora menor.
"Inflúen moitos factores tanto o prezo do peixe como o do tipo de especie. É posible que ese ano descargárase moito marisco", explican desde a Autoridade Portuaria como posible causa da elevada cifra de negocio (5,78 millóns de euros), con respecto a anos anteriores, coa que se pechou o ano 2019.
Con todo, a recuperación da boa saúde na rada marinense está máis relacionada co volume de capturas que co valor do produto no mercado. "Cada barco ten unha cota fixa de capturas, así que se se descarga máis, por lóxica, é porque hai máis barcos", apuntan desde o Porto unha razón para o optimismo e a confianza en consolidar esta tendencia.
A falta de confirmar as cifras de decembro do 2021, na lonxa de Marín xa se pode celebrar que se descargou máis peixe fresco que en calquera do últimos dez anos. De feito, só no ano 2011 e no 2016 superáronse as 2.000 toneladas. Antes da entrada na nova década, o volume de descargas viña en marcado decrecemento desde o 2016, pasando das 2.040 toneladas dese ano ás 1.720 do 2019.
Con todo, haberá que esperar aínda unhas semanas para confirmar que a recuperación das descargas tradúcese en recuperación da economía. As primeiras estimacións marcadas polo portal PescadeGalicia indican que a facturación no 2021 situarase ao redor dos 3,53 millóns de euros, superior o ano anterior (2,75 millóns) pero lonxe da media da década pasada que se situaba ao redor dos 4,5 millóns de euros ao ano.
Sen embargo, desde o Porto aseguran que a cifra será moito maior posto que cada ano os seus resultados, froito dunha monitoraxe diaria das cifras rexistradas tras cada xornada de venda na lonxa, lanzan rexistros que superan ás estimacións deste portal da Xunta.
Relacionadas:
-
O Porto de Marín incrementou os seus tráficos nun 4,3% no 2021
Por Redacción |
-
A Autoridade Portuaria tende a man a armadores e casas vendedoras para afianzar o crecemento da lonxa de Marín
Por Manu Otero |
-
Maersk transportará en tren contedores para carga conxelada entre Alxeciras e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A "potente" campaña de pota e a fichaxe dun barco de Vigo, detrás da resurrección da lonxa marinense
Por Manu Otero |
-
O marisco galego, ante o seu Nadal máis complicado
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A centola volve á lonxa: "Veñen escollidiñas, son as mellores que hai"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A frota artesanal da ría de Pontevedra clama contra o cambio de regulamento que impón a UE
Por Redacción |