A sinistralidade redúcese nas vías de Pontevedra, que se cobraron 21 vidas en 2021
Por Natalia Puga
Os accidentes de tráfico cobráronse o ano pasado a vida de 1.004 persoas en España, 78 en Galicia e 21 en Pontevedra. Así figura nun informe elaborado pola Dirección General de Tráfico (DGT) sobre a accidentalidade de 2021, no que se constata que nas vías pontevedresas reducíronse os accidentes mortais fronte aos dous anos anteriores.
Segundo o citado informe, en 2021 houbo 21 accidentes mortais con 21 vítimas nas vías pontevedreses, fronte aos 22 accidentes con 24 vítimas de 2019 e os 24 sinistros con 24 falecidos de 2020.
Con respecto a 2020 tamén se produciu unha redución das vítimas graves, pero non así dos accidentes con algunha vítima, aínda que hai que ter en conta que durante o ano 2020 as estatísticas tiveron un comportamento diferente polo impacto da pandemia, os confinamentos e as restricións de mobilidade.
No ano 2021 nas vías pontevedresas contabilizáronse 869 accidentes con falecidos ou feridos, dos que 87 foron graves.
No ano 2020 foran menos accidentes e máis afectados, 840 accidentes con vítimas que deixaron 95 feridos graves. En 2019, con todo, rexistrouse unha accidentalidade maior a estes dous últimos anos, os sinistros foron 1.137 e as vítimas con especial gravidade, 131.
A nivel galego, as 78 vítimas mortais foron oito máis que en 2020 e 10 menos que en 2019. A nivel estatal, os 1.004 falecidos supoñen 97 menos que en 2019 e o segundo mellor ano da serie histórica, só por detrás de 2020, ano no que faleceron 870 persoas. De novo, é unha estatística distorsionada pola pandemia.
O balance presentado este venres polo ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, e o responsable da DGT, Pere Navarro, tamén analiza o tipo de accidentes, aínda que tan só con datos por autonomías.
En Galicia, 70 dos 78 falecidos fixérono en sinistros nunha estrada convencional e oito en autoestradas e autovías.
O tipo de accidente que se cobrou máis vidas foi a saída de vía (36), o segundo foi a colisión frontal (15) e o terceiro, a colisión lateral e frontolateral (13). A cuarta causa de morte foi o atropelo a un peón, con 11 falecidos e tamén houbo un falecido nunha colisión traseira.
En canto aos 11 atropelos a peóns, supoñen 5 máis que os rexistrados no ano raro da pandemia, pero dez menos que no ano que se toma como referencia para as estatísticas, 2019.
As cifras de sinistralidade confirman a elevada exposición dos usuarios vulnerables, isto é, peóns, ciclistas e motoristas, pois o 33% da accidentalidade mortal afectou a estes usuarios das vías. En 2021 foron 26, dos que 12 foron peóns 13 usuarios de motocicletas e un ía en bicicleta.
En canto ao resto dos 78 falecidos, a maioría circulaba en turismo, en concreto, 42 persoas. Ademais, faleceron tres persoas que viaxaban en camión e dúas en furgoneta.
A nivel estatal, o 38% dos falecidos eran usuarios vulnerables, 110 peóns, 31 ciclista, 241 motorista e 1 usuario de VMP (vehículo de mobilidade persoal).