Os veciños de Xuviño, en Combarro, poderán achegar ideas para o seu proxecto de rehabilitación
Por Redacción
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, ten intención de convocar nas próximas semanas á veciñanza do lugar de Xuviño, pertencente á parroquia de Combarro, para dar a coñecer os detalles do proxecto de rehabilitación integral que o Concello de Poio ten previsto levar a cabo neste núcleo.
Así o confirmou o edil, que lembra que se acometerán os traballos grazas a unha subvención de máis de 250.000 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), con fondos que pertencen ao Programa Operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020.
"Estamos pendentes da evolución sanitaria para poder celebrar este encontro que, en todo caso, realizarase cumprindo con todas as medidas sanitarias e de aforo que correspondan", asegura Agís sobre unha reunión cos veciños do lugar no que non só se darán a coñecer detalles do proxecto senón que tamén servirá para "tomar nota" das suxerencias e propostas para mellorar a intervención.
"Esta é unha filosofía que queremos seguir con todos os proxectos de mellora e rehabilitación que estamos a impulsar", asegura o representante do goberno local de Poio coa intención de repetir a experiencia en lugares como Raxó, onde tamén con fondos europeos está prevista a reforma da rúa Ramón Encinas, na contorna do peirao.
Segundo adiantou Gregorio Agís a actuación en Xuviño seguirá as indicacións contempladas no Plan de Mobilidade Sostible apostando por aumentar a seguridade peonil en detrimento do tráfico rodado.