Recta final para os traballos de mellora no núcleo rural de Fontecova, en Cuntis

Por Redacción
Os traballos de mellora na aldea de Fontecova, en Cuntis, entran na súa recta final.
A previsión, segundo confirmou o alcalde Manuel Campos, é que poidan concluír ao longo da próxima semana.
Esta obra tiña como obxectivo mellorar o firme nun tramo do camiño de acceso ao núcleo rural, de algo máis dun quilómetro. Ademais procedeuse a habilitar bandas redutoras de velocidade.
Como complemento están a realizarse tamén traballos de acondicionamento e mellora de dous elementos de valor etnográfico e cultural como son un lavadoiro e unha fonte.
O importe desta actuación ascende a 92.580 euros, dos cales o 72% sufrágase con fondos do Plan Concellos da Deputación e o 28% restante a cargo do Concello de Cuntis.