Unha mensaxe de socorro da vítima á súa nai destapa un caso de violencia machista e o agresor acaba detido
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra detivo o 2 de xaneiro un veciño de Pontevedra de 31 anos como suposto autor dun delito de violencia de xénero. A vítima, unha moza de tan só 20 anos, pediu axuda á súa nai a través dunha mensaxe e unha patrulla acabou na súa vivenda e detendo ao detido.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a nai da vítima chamou ao 112 indicando que recibira unha mensaxe de socorro da filla porque estaba a recibir malos tratos.
Logo de buscar e atopar a vivenda, a Policía Local escoitou desde o exterior e percibiu o choro e os lamentos dunha muller.
Os axentes accederon á vivenda e mantiveron entrevistas por separado ca vítima e o suposto agresor. Finalmente, entenderon que o relato da vítima se correspondía cun delito de violencia de xénero e procederon á identificación e arresto do varón.
Todo sucedeu sobre as doce e media da madrugada do 2 de xaneiro, pouco máis de 24 horas despois de comezar o ano. A voceira do Goberno, Anabel Gulías, fíxose eco desta circunstancia e lamentou que 2022 chegue a Pontevedra cun novo caso de violencia machista e manifestou o seu desexo de que "2022 sexa o ano no que logremos erradicar a lacra da violencia machista" e "non nos acostumemos a este tipo de novas como unha denuncia ou un suceso máis".