Os montes de Sanxenxo contarán por primeira vez cun plan de prevención contra incendios
Por Redacción
Ao longo deste ano 2022 Sanxenxo espera ter en vigor o seu primeiro plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. O documento, elaborado pola empresa Seaga, xa están en mans do Concello que o revisará antes de remitilo á Xunta.
O plan, que deberá ser aprobado polo goberno galego, contempla a creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas.
O edil de Medio Ambiente, Juan Deza, asegura que este "é un paso moi importante" para poder cumprir coa lexislación vixente e controlar "moito mellor" os límites das parcelas forestais, facéndoo "de maneira ordenada e eficaz".
No plan analízase a actividade incendiaria por cada unha das sete parroquias durante dez anos (2008-2017) concluíndo que o risco potencial para o concello é alto e está declarado Zona de Alto Risco (ZAR).
Durante este período, segundo datos da Consellería do Medio Rural, Sanxenxo presenta unha media de 7,50 incendios por ano e 1,43 hectáreas queimadas. O número total de incendios foron 75, sendo Vilalonga a parroquia que máis lumes rexistrou, 24.
Así, a maiores da franxa perimetral de 50 metros dos chans urbanos, de núcleo rural e urbanizable, xestionarase a biomasa ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques industriais situados a menos de 400 metros de monte.
Tamén se tratará esta biomasa ao redor de edificacións illadas destinadas ás persoas en chan rústico a máis de 400 metros do monte, segundo avanza o Concello.
Relacionadas:
-
Recoñecemento do firme e dos sinais verticais en Sanxenxo para mellorar a seguridade viaria e de tráfico
Por Redacción |
-
Realizan obras de control da biomasa nas marxes da PO-308 para crear cortalumes
Por Redacción |
-
Os concellos contratan desempregados para a prevención de lumes forestais
Por Redacción |
-
Arde unha parcela próxima a vivendas en Vilalonga
Por Oskar Viéitez |