O Concello e os praceiros traballan no novo mercado, que estreará modelo de bancadas
Por Redacción
O novo mercado de Sanxenxo adaptará os espazos ás necesidades expostas polos representantes dos praceiros que desenvolven a súa actividade nas instalacións e cambiará a bancada tradicional de peixe por postos independentes.
Así o deu a coñecer o Concello de Sanxenxo tras unha reunión a tres bandas cos arquitectos do proxecto e os praceres que buscaba que os vendedores do mercado de abastos de Sanxenxo se atopen cómodos e que o novo espazo responda as súas necesidades.
A reunión contou coa presenza dos concelleiros de Economía e Urbanismo, Marcos Guisasola e Flavia Besada, así como dos arquitectos do proxecto. Reuníronse cos representantes dos praceiros no salón de plenos do Concello para expoñerlles a distribución e zona que ocuparán dentro da nova praza nas dúas primeiras plantas do edificio.
Durante o encontro, os vendedores expuxeron a posibilidade do cambio de bancada tradicional de peixe por postos independentes que permitan de forma clara distinguir cada posto e certa liberdade na organización do produto.
Os arquitectos do estudo Gemma Arquitectura comprometéronse a adaptar esta petición no seu proxecto, no que se prevían tres illas con bancadas corridas, e darlles a coñecer o resultado sobre plano a mediados do próximo mes de xaneiro.
O proxecto contempla a concentración das cámaras frigoríficas e obradoiros no fondo do mercado, pero accesibles e próximas aos postos, para gañar espazo nas propias casetas de venda.
Mentres se ultiman os detalles do proxecto cos vendedores, as obras avanzan no novo local provisional da praza de abastos de Sanxenxo na Rúa Progreso que ocupaba o supermercado Eroski.
A previsión é que os traballos estean rematados a mediados do próximo mes de xaneiro, que será cando se trasladen os vendedores.
Á beira do local hai un aparcamento con capacidade para medio centenar de vehículos, que se habilitará durante os días de mercado e en horario matinal só para clientes e servizo do mercado. Na actualidade, dispón de sete postos fixos e 60 bancadas.
Relacionadas:
-
Telmo Martín colle a paleta na revisión das obras da Rúa Unión
Por Redacción |
-
Xa está activo o novo mercado provisional de Sanxenxo na rúa Progreso
Por Redacción |
-
O cambio de tráfico da rúa Madrid será efectivo este venres
Por Redacción |
-
O mercado de Sanxenxo reabrirá o venres na súa nova localización da rúa Progreso
Por Redacción |
-
O mercado provisional de Sanxenxo iniciará a súa actividade a principios de febreiro
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento municipal para 2022 que se eleva a 32,5 millóns de euros
Por Redacción |
-
Os praceiros do mercado de Sanxenxo recolocaranse no local do antigo Eroski mentres duren as obras
Por Redacción |