A denuncia dunha empresa do Grove destapa unha rede de estafas a través de internet
Por Redacción
A denuncia presentada ante a Garda Civil por unha empresa do Grove desembocou na desarticulación dunha rede criminal dedicada a cometer estafas bancarias a través de internet.
Na operación, que recibiu o nome de "Marware", a Garda Civil investigou 32 persoas, 21 delas en Madrid, catro en Ourense, catro en Portugal e tres en Toledo.
Entre eles, figura o responsable de recrutar ás "mulas económicas", unha das pezas fundamentais deste armazón delituoso, ao ser os encargados de facilitar as súas contas bancarias á organización para retirar o diñeiro estafado.
Os implicados, a través dun software malicioso instalado no computador da vítima, conseguían desviar ás súas contas importantes cantidades de diñeiro.
O procedemento iniciábano cunha campaña de captación, enviando a distintas empresas correos "phishing", suplantando a unha entidade bancaria, e unha vez instalado o software malicioso accedían ás claves bancarias das contas utilizadas na actividade comercial.
Tras este paso, o grupo criminal, valéndose dunha base de contas bancarias obtidas previamente das súas "mulas económicas", xestionaba as ordes de transferencias no ámbito nacional e internacional, fundamentalmente con Portugal e Reino Unido.
Durante a investigación, a Garda Civil comprobou como en cuestión de poucas horas os autores baleiraron as contas pertencentes á empresa do Grove, valéndose dun "malware" que lles permitiu acceder en remoto ao computador da empresa e rexistrar as claves bancarias, o que lles facilitou executar posteriormente a estafa bancaria.
No marco desta mesma operación detectáronse outras dúas estafas en senllas empresas situadas en Cantabria e Ceuta, polo que o montante supera os 120.000 euros.
A investigación foi tutelada polo xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Cambados.