Medio Ambiente licita por 10 millóns de euros as obras de abastecemento da marxe esquerda da Ría de Pontevedra
Por Redacción
Acuaces (a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España) encargarase das obras do abastecemento da marxe esquerda da Ría de Pontevedra. O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente licitou os traballos por 10,1 millóns de euros que se iniciarán no depósito de regulación en Mourente e bordeará o concello de Pontevedra polo sur ata Lourizán.
O proxecto inclúe un ramal para abastecer o concello de Vilaboa, no que se executarán dous depósitos reguladores cunha capacidade de almacenamento de 1.750 metros cúbicos cada un que garantirán a subministración.
Vanse executar 17 quilómetros de conducións con diversos diámetros que van de 250 a 600 mm.
Ao mesmo tempo, continúan as obras da marxe dereita que se iniciaron en abril e afectan a Poio, Pontevedra e Sanxenxo. En Poio renováronse 6 quilómetros das canalizacións de abastecemento situadas baixo a estrada PO-308. A maioría dos traballos realízanse con tecnoloxías que non requiren a apertura de gabias.
No concello de Pontevedra trabállase na mellora da captación de auga en Monte Porreiro e iniciouse a construción da nova condución de abastecemento á estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Pontevedra dende o encoro do Pontillón. En novembro, iniciarase a ampliación da ETAP e nos depósitos de Lérez e de Mourente.
En Sanxenxo tamén comezaron as obras dos depósitos de Dorrón e Buezas.
O obxectivo de todas estas obras céntrase na mellora da chegada da auga e nun importante aforro enerxético que evite o risco de desabastecemento durante os veráns.
O investimento do Ministerio ascende a 39,9 millóns de euros e contempla a ampliación da ETAP de Lérez; a construción de 7 novos depósitos cunha capacidade total de 28.500 m3; a ampliación do bombeo de Monteporreiro e Raxó; a construción de 2 novos bombeos; a implantación de 35,9 km de novas conducións, a renovación 12,2 km de canalización e a construción de 7 novas acometidas eléctricas.