Os bonos consumo chegan a Vilaboa para reactivar a hostalería local
Por Redacción
O pleno do Concello de Vilaboa aprobou unha nova partida orzamentaria de 25.000 euros para activar un paquete de bonos que incentive o consumo na hostalería local e beneficie directamente aos consumidores e consumidoras locais.
Os beneficiarios destas axudas serán os veciños empadroados no municipio e que teñan máis de 18 anos. Poderán solicitar os dous bonos que oferta o Concello, un de 5 euros para consumir en bares e cafeterías e outro de 15 euros para restaurantes.
Poderán sumarse a esta iniciativa os 26 establecementos de hostalería rexistrados en Vilaboa, solicitándoo por rexistro e cumprindo as bases que se poden consultar a través da web www.vilaboa.org e entre as que figura ter pechado algún período do ano 2020 e 2021 a causa da pandemia.
Unha vez que o Concello teña a listaxe dos establecementos adheridos, abrirán un prazo para que os veciños pidan os bonos e en que establecemento gastalo. A data límite para utilizalo será o 30 de abril.
Para levar o control dos bonos, os técnicos municipais elaborarán unha listaxe de beneficiarios que entregarán a cada establecemento no que se canxearán os bonos. Despois do 30 de abril, bares e restaurantes deberán aportar facturas ou tickets para xustificar o gasto e percibir a subvención municipal.
Con esta subvención, o Concello reforza a partida de 25.000 euros en axudas directas que xa destinou ao sector hostaleiro.