Esgotados os 'Bonos consume' para 3 dos 10 locais de Vilaboa adheridos a esta iniciativa
Por Redacción
Os 'Bonos Consume' que o Concello de Vilaboa ten a disposición da veciñanza para incentivar o consumo na hostalería están esgotados xa para 3 dos 10 locais que se adheriron a esta iniciativa.
O Concello de Vilaboa anima aos empadroados no municipio maiores de 18 anos, a solicitar e utilizar estes bonos nos outros 7 locais nos que aínda hai dispoñibilidade.
Cinco restaurantes (Mauro, Casa Aurelia, A casa de Rosa da Mazaroca, O Morruncho e A Garboa) e outras cinco cafeterías (El Descanso, bar Capricho Miramar, O Toxo, Salinas de Ulló e bar Anxo), sumáronse a esta iniciativa de maneira que os clientes de Vilaboa poderán canxear os seus bonos cando visiten estes establecementos: un de 5 euros para consumir en bares e cafeterías e outro de 15 euros para restaurantes. A única condición é que o fagan antes de 30 de abril .
Vilaboa habilitou unha partida orzamentaria de 25.000 euros para sacar ao mercado un paquete de bonos, nunha iniciativa coa que o goberno local quere reactivar a economía do municipio.
Esta cantidade súmase aos 25.000 euros que o Concello destinou a apoiar á hostalería a través de axudas directas trala pandemia.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, animaron á veciñanza de Vilaboa a consumir e facer as súas compras nos establecementos locais.