A Deputación aproba medio millón de euros para crear un novo parque na pasarela de José Adrio
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno financiar con medio millón de euros o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para abrir ao público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente na pasarela de José Adrio Barreiro, entre as rúas da Estrada e As Hortas (nas inmediacións de Santa Teresa de Jesús Jornet).
A Deputación asume ao 100% o financiamento desta ambiciosa actuación.
Agora o Concello capitalino xa está en disposición de sacar o proxecto a contratación, previo paso por Xunta de Goberno e obtendo antes a pertinente autorización da Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que xa está solicitada.
Esta actuación permitirá darlle continuidade á área recreativa existente na rúa José Adrio Barreiro, dotando a zona Leste da cidade dun amplísimo espazo verde en conexión co do parque Amalia Álvarez e o que se executará no parque da palmeira de Joaquín Costa.
A actuación deseñada para a pasarela sobre o tren dividirase basicamente en tres zonas de intervención lonxitudinais. A primeira é a máis próxima á rúa, en chan de terra, que se converterá nunha zona mixta, verde e con pavimento, destinada esencialmente ao tránsito peonil.
A segunda é a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, que pasará a ser unha zona de estar tamén con pavimento mixto (verde e duro), na que se emprazará a meirande parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.
E finalmente, a terceira é a zona situada entre a lousa do túnel e as medianeiras (fachadas traseiras) dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet, que se manterá ao 100% en terra e que será a principal área verde deste contorno, con arborado (a distancia dos inmobles), xardín, unha fonte e un espazo con auga.
Relacionadas:
-
Luz verde para acondicionar como 'zona de estancia' a pasarela en Doce de Novembro
Por Alejandro Espiño |
-
O parque infantil da pasarela de José Adrio estrea xogos adaptados
Por María José Pita |
-
A Deputación remite a Feijóo unha carta con todos os investimentos provinciais realizados nos últimos 6 anos na cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Desbloquean a ampliación da pasarela cun novo parque entre a Rúa da Estrada e a Rúa das Hortas
Por Alejandro Espiño |