A colleita de Rías Baixas deste ano case duplica á vendima do 2012
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/526ea302b6e1d-blancas.jpg)
© Fuente: Consello Regulador D.O. Rías Baixas
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/526ea31dc6381-tintas.jpg)
© Fuente: Consello Regulador D.O. Rías Baixas
Con preto de 34 millóns de quilos de uva vendimada, a colleita deste ano é a segunda maior na historia da Denominación de Orixe Rías Baixas, só superada pola cantidade obtida en 2011, cando case se alcanzaron os 42 millóns. Segundo datos rexistrados polo Consello Regulador, unha vez concluída a campaña o pasado 19 de outubro, recolléronse 33.743.486 quilos de uva nas 4.064 hectáreas inscritas, o que supón un incremento do 92% respecto da colleita do ano anterior.
O director técnico da D.O. Rías Baixas, Agustín Lago, destaca "a gran calidade da uva e o seu bo estado sanitario na súa entrada nas 175 bodegas que pertencen a esta denominación".
Antes da vendimia estimábase que o volume final sería de 34 millóns de quilos de uva, calculándose un rendemento medio ponderado de 8.509 quilos por hectárea para toda a denominación de orixe, que finalmente foi lixeiramente inferior. Trátase dunha colleita de calidade, cuxa recolleita houbo de realizarse moi rápidamente debido ás condicións meteorolóxicas adversas, poñendo de relevo a profesionalidade e o esforzo dos 6.677 viticultores que participaron nela. Como consecuencia das choivas caídas nos días anteriores da vendima, unha pequena parte da colleita deste ano viuse afectada por botrytis sen que, en termos xerais, iso supoña unha perda relevante ante o importante volume recolleito.
Dentro das variedades brancas, a produción da variedade Albariño volve ser abrumadoramente maioritaria, representando o 97% do total, aínda que se afianzan o Loureiro, a Treixadura e o Caíño Branco. Das variedades tintas, que supoñen o 0,7%, recolléronse 234.058 quilos de uva, das cales a variedade de maior produción continua sendo o Sousón.
En canto á distribución por subzonas, a maior cantidade de uva recollida corresponde unha vez máis ao Val do Salnés, seguida por Condado, O Rosal, Ribeira Ulla e, para rematar, Soutomaior, que cun incremento de produción dun 134% é a que máis crece en términos porcentuais.
Como en anos anteriores, o director técnico, Agustín Lago, recorda que "o Consello Regulador da D.O. foi extremadamente rigoroso nos aspectos relativos á garantía de orixe da materia prima e á calidade".
Nesta campaña, ademais, levouse a cabo unha experiencia piloto de vendima coa que se pretendía probar un sistema de auditoría, no canto de control, que permitiu ao auditor dispoñer de máis ferramentas para verificar que tanto as adegas como os viticultores cumpren cos requisitos de calidade esixidos.