![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/526e6b998b183-aguascalientes.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Unha delegación da cidade mexicana de Aguascalientes busca crear relacións comerciais coas Rías Baixas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Unha delegación do concello mexicano de Aguascalientes co alcalde, Juan Antonio Martín del Campo, á cabeza mantivo un encontro co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, na Deputación.
A delegación acudiu ata a institución provincial acompañada polo presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, e mostrou o seu especial interese en establecer contacto con empresas españolas que poidan prestar servizos municipais no seu concello.
O rexedor local de Aguascalientes destacaba que "este é o momento" de investir nesa zona, dado que agora só teñen concesionado o servizo de augas e a intención é ofrecer a xestión indirecta doutros servizos como o de recollida e tratamento de residuos ou de subministración eléctrica.
Ademais, esta delegación mostrou o seu interese para establecer unha maior relación comercial e cultural entre este municipio e as Rías Baixas.
Desta forma, reuniranse en Cambados con representantes de sectores estratéxicos, como o presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, responsables da Federación de Comerciantes de Arousa e representantes do sector turístico.
Segundo o presidente da Deputación, Rafael Louzán, se quere mostrar "o que aquí temos e o que aquí facemos" e "establecer lazos comerciais" cunha das cidades que máis creceu nos últimos anos con preto dun millón de habitantes e só un 4,5%.
Durante a reunión falouse da posibilidade de que mozos españois poidan traballar nesta localidade pero como empregados de empresas españolas que desenvolvan a súa actividade en México.