Besada e Agís impulsan ante Costas varios proxectos como a senda peonil entre Lourido e Pontevedra
Por Redacción
Enrique Fernández Menéndez, xefe provincial de Costas, mantiña un encontro esta semana con Chelo Besada e Gregorio Agís, tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo de Poio. Durante esta entrevista analizáronse varias cuestións como a de dar continuidade ás sendas costeiras actuais do municipio: a que une A Ostreira coa Seca ou a de Laño, en Samieira.
Tamén trataron outras propostas impulsadas desde as súas áreas no goberno municipal coa idea de crear novos paseos costeiros. Entre eles atópase unha senda peonil demandade desde Lourido ata Pontevedra, ademais doutra entre o núcleo de Combarro e A Seca.
A estes proxectos súmase a proposta de crear unha pasarela que comunique as praias de Ouriceira e Chancelas, situadas na parroquia de Combarro. A obra, segundo expoñen os concelleiros socialistas, financiaríase con fondos europeos e precisaría do visto e prace por parte de Costas.
Besada e Agís afirman que a intención é dar un empuxón importante desde o punto de vista paisaxístico e tamén turístico ao Concello, como xa sucede nas sendas moi utilizadas de Laño e de Ostreira.
En canto á Praza da Chousa, no núcleo de Combarro, durante a reunión analizáronse posibles opcións para trasladar a titularidade ao Concello de Poio, unha vez que Portos de Galicia confirme a reversión. Esta institución pertencente á Xunta tamén propuxo a reversión da zona de Covelo, en Samieira. Con todo, desde o PSdeG-PSOE advirten que non asumirán a titularidade dun espazo que a Xunta "se comprometeu a reformar, asinando un convenio por valor de 4 millóns de euros e que, a día de hoxe, só cumpriu unha parte ínfima", afirmaron os dous representantes municipais.
Relacionadas:
-
A senda costeira entre A Seca e Lourido será 'sendeiro azul'
Por Redacción |
-
As brigadas municipais de Poio dotarán de rede de pluviais á rúa Espiñeiros
Por Redacción |
-
Informe técnico favorable para que a Praza da Chousa en Combarro deixe de pertencer a Portos de Galicia
Por Redacción |
-
O PP de Poio solicita unha saída na AP-9 en Portosanto e a senda peonil entre A Seca e Combarro
Por Redacción |