Un incendio destrúe unha casa abandonada en Cantodarea
Por Redacción
Un incendio deixou unha casa abandonada totalmente destruída esta tarde en Marín, sen que se rexistrasen danos persoais.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, a casa ten a fachada de pedra e o interior de madeira e constaba dun baixo, un primeiro piso e un faiado. A estrutura interior e o tellado derrubáronse por mor das lapas e foi necesario evacuar os edificios lindeiros, xa que o fume chegaba a entrar polas súas xanelas. Unha vez extinguido o incendio, os veciños puideron regresar ás súas vivendas.
Os feitos sucederon en cálea Concepción Arenal, ás dúas menos cuarto.
Foi a esa hora cando unha persoa particular alertou do incendio ao 112 Galicia. Segundo indicaba na súa comunicación, había risco de que o lume se propagase a outras vivendas lindeiras.
Enseguida, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Pontevedra, que contiveron o incendio, no cal se viron afectadas outras dúas edificacións próximas por mor do fume.
Tamén foron alertados desde o 112 Galicia a Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, que cortaron o tráfico de vehículos á altura do punto quilométrico 4,300 da PO-546 para asegurar a zona e facilitar o traballo dos servizos de emerxencia desprazados.
Ademais, o persoal do CIAE alertou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como medida preventiva.
Ao redor das catro e media, os Bombeiros do Morrazo comunicaron ao 112 Galicia que o incendio estaba extinguido, aínda que permanecían no lugar para atallar varios focos de lume que estaban activos.