O proxecto de humanización na contorna do mercado de Seixo é "claramente mellorable" segundo o PSOE
Por Redacción
O proxecto de humanización para a contorna do mercado de Seixo, que acaba de saír a licitación, non convence ao Partido Socialista de Marín.
Segundo o seu portavoz, Manuel Pazos, trátase de "un proxecto claramente mellorable que condicionará durante moitos anos unha posterior actuación nesa zona".
Pazos defende trasladar ao goberno local unha proposta que "consistía actuar dunha forma integral desde o mercado ata a estrada con tres obxectivos: crear unha gran praza en superficie, amansar a velocidade do tráfico nese nó incorporando tamén unha parada de autobuses e, por último, mellorar a estética da contorna ao eliminar as edificacións en ruínas".
"Ao final imos gastar 750.000€ para facer unhas beirarrúas e un parque que terá 265 m2 e estará pechado en tres dos seus catro lados", acusa o socialista.
Segundo asegura o PSOE, solicitaron unha reunión de traballo co goberno local e a redactora do proxecto para explicarlle a súa proposta.