Comezan a limpar as pintadas nos laterais do Teatro Principal
Por Redacción
Operarios da empresa Ferrovial iniciaban este mércores 10 de novembro os labores para eliminar os graffitis realizados nos laterais da fachada do Teatro Principal de Pontevedra.
Segundo a información facilitada polo goberno local, os traballos inclúense no contrato que o Concello mantén con esta empresa. Estas pintadas rexistrábanse durante o mes de outubro tanto neste edificio municipal como noutros protexidos polo seu valor patrimonial, que se atopan no centro histórico como o Museo de Pontevedra.
Precisamente, cando finalicen estes traballos de limpeza no Principal, os operarios procederán a realizar actuacións similares noutros puntos da cidade, tal e como se recolle no contrato coa empresa adxudicataria deste servizo..
O Concello de Pontevedra informara, a finais de outubro, de que a Policía Local mantén unha investigación aberta para localizar ás persoas que realizasen estes grafitis sobre bens do patrimonio público.