Decorar os comercios en Vilagarcía durante o Nadal ten premio
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa convocou o cuarto concurso de decoración do Nadal destinado a que locais comerciais, de restauración, praceiros e hostalería contribúan a crear ambiente decorando os seus escaparates, fachadas e acceso aos establecementos, así como para contribuír a dinamizar a actividade comercial.
Para fomentar a participación, o Concello concederá cinco premios en metálico ás mellores decoracións, repartindo un total de 1.785 euros. Os interesados poden inscribirse a través da sede electrónica ata o vindeiro 3 de decembro.
Con esta iniciativa, ademais de dinamizar actividades nos locais participantes, a concellería de Promoción Económica que dirixe Alba Briones, pretende que a iluminación de Nadal que pon o Concello nas rúas e prazas da cidade se vexa complementada coa decoración dos exteriores dos establecementos, creando así moito máis ambiente navideño nas rúas da cidade.
Entre os requisitos a cumprir polos participantes están manter a decoración do 3 de decembro ao 6 de xaneiro, como mínimo, e ter a iluminación prendida ata as 22.00 horas.
Tamén terán que poñer nunha zona visible do escaparate ou a entrada ao local o cartel que lles entregará o Concello e que os identifica como participantes no concurso. Ademais, deberán presentar pola sede electrónica dúas fotografías do establecemento decorado, trámite para o que dispoñen de prazo ata o día 3 de decembro.
O xurado visitará os locais participantes para avaliar a decoración. Valoraranse aspectos como si se decora só un elemento ou todos (escaparate, fachada e acceso), a iluminación, o uso de materiais naturais e de reciclaxe e a innovación e deseño.
O establecemento mellor valorado obterá o primeiro premio, dotado con 595 euros. A maiores concederanse dous segundos premios por importe de 395 euros cada un e outros dous terceiros de 200 euros.
A Xunta de Goberno aprobou na reunión deste luns as bases do concurso, documento que se poderá consultar a través do taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal ou da sede.vilagarcia.gal.
Relacionadas:
-
Usuarios do centro ocupacional de Saiar deseñan a decoración do Nadal da sede da Xunta en Pontevedra
Por Redacción |
-
Os Reis Magos volven a Vilagarcía e buscan acompañantes para a cabalgata
Por Redacción |
-
Vilagarcía xa ten novo punto de vacinación masiva: a antiga Comandancia de Marina
Por Redacción |
-
O mercado de Nadal regresa a Vilagarcía a partir do 3 de decembro
Por Redacción |