![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0knKLynJz1WyrgUA_/526a283962563-img_2487.jpg)
© Autoridad Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra
Factoría Naval atopa comprador en Turquía para un dos seus primeiros megaiates
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este xoves levouse a cabo unha singular e delicada operación de carga dun iate a bordo do cargueiro Palembang no Peirao Comercial Sur. O iate, que fora construído no estaleiro marinense de Factoría Naval, é unha embarcación de recreo de gran porte xa que conta con 38 metros de eslora e 8 de manga.
Foi izado a bordo do buque de carga mediante as dúas grúas Liebherr coas que vai equipado o barco e despois de axustalo por debaixo do casco dúas eslingas para a súa elevación, operación realizada por mergulladores. Posteriormente, realizouse a trincaxe do iate en cuberta para garantir a súa seguridade durante o traxecto.
Dende a Autoridade Portuaria confirmaron que o buque Palembang, consignado por Ceferino Nogueira, chegou a Marín procedente do porto de Southampton para realizar a operación de estiba do iate. O destino é Marmaris (Turquía).
Segundo informa Alvaro Agulla en páxinas do Diario de Pontevedra, o iate Y-101, é o primeiro que construíu o estaleiro baixo a marca Marín Luxury Yachts, a división náutica creada a mediados da década pasada para a construción de embarcacións de recreo de luxo. Naquel momento, ano 2009, o barco custou uns doce millóns de euros, era un encargo dun armador italiano que anos máis tarde rompeu o contrato de compra.