Un pontevedrés irrompe no centro médico da Parda, insulta a sanitarios e pacientes e sobe a un mostrador
Por Redacción
Un home pasou toda a tarde molestando e insultando ao persoal e os pacientes do centro de saúde da Parda e, cando avisaron á Policía Nacional, terminou insultando tamén aos axentes.
Ocorreu o pasado venres 29 de outubro no centro de saúde da Parda e, finalmente, o home, veciño de Pontevedra de 49 anos e con antecedentes policiais, acabou detido como presunto autor dun delito de resistencia e desobediencia a axente da autoridade.
Segundo informou a Policía Nacional, axentes da Comisaría Provincial acudiron ao centro de saúde sobre as 20.00 horas tras recibir unha chamada na que se alertaba da presenza dun home molestando aos empregados e aos pacientes. Tal e como relataron, profería insultos e chegou mesmo a subirse ao mostrador.
Os axentes constataron que o home tiña actitude chulesca e agresiva cos recepcionistas e, ao observar a presenza policial, comezou a insultar aos axentes que trataron de acougalo.
Unha das encargadas do centro médico declarou aos axentes que este home levaba toda a tarde interrompendo o servizo médico, o que produciu atrasos na asistencia das consultas e molestias para os pacientes, entre os que había varios menores de idade.