Ence contribúe a impulsar o papel da muller rural na economía forestal de Galicia
As mulleres rurais supoñen unha cuarta parte da poboación mundial. "Labran a terra e plantan as sementes que alimentan nacións enteiras. Ademais, garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático", declaraba a Organización das Nacións Unidas (ONU) no seu manifesto con motivo da celebración o pasado 15 de outubro do Día Internacional das Mulleres Rurais.
Baixo o lema "As mulleres rurais cultivan alimentos de calidade para todas as persoas", Nacións Unidades chamaba a atención sobre o feito de que, a pesar de ser tan produtivas e boas xestoras como os seus homólogos masculinos, non dispoñen do mesmo acceso á terra, créditos, materiais agrícolas, mercados ou cadeas de produtos cultivados de alto valor.
Mundialmente, con poucas excepcións, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento mostran, engade a ONU, que as campesiñas se atopan en peores condicións que os homes do campo, e que menos do 20% de propietarios de terras no mundo son mulleres.
A porcentaxe de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras en Galicia supera o 50%
Fronte a esta cifra preocupante, Galicia sitúase á vangarda do cambio cunha tendencia significativamente diferente. Este mes de outubro, a Xunta facía público un dato que demostra que o rural galego é "maioritariamente feminino". Os números indican que a porcentaxe de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras en Galicia supera o 50%, moi por riba do 22,6% da media nacional.
A presenza da muller no rural galego evidenciou ser clave para paliar o despoboamento e o envellecemento da poboación, ademais de favorecer o desenvolvemento sostible, loitar contra o cambio climático cunha adecuada xestión dos recursos naturais, xerar riqueza e diversificar a economía do territorio no que se asenta.
Nesta aposta polas economías locais e o apoio á muller rural destaca o papel de Ence que, ao incorporar un criterio de compra de proximidade, incide en multitude de pequenas empresas provedoras e de servizos que reforzan o tecido empresarial de pemes e autónomos, onde a presenza de propietarias e traballadoras está consolidada. Á súa vez, a compañía xera actividade no sector forestal, contribúe ao emprego no medio rural galego e fomenta a permanencia da poboación nas contornas nas que opera.
A igualdade de oportunidades é un dos piares éticos fundamentais de Ence
O compromiso coa muller rural de Ence está ligado ao principio da igualdade de oportunidades, que é un dos piares éticos fundamentais da compañía. Deste xeito, a empresa mantén unha decidida aposta polo emprego feminino e un firme compromiso coa equidade dentro do seu equipo humano en sectores tradicionalmente masculinos.
Na actualidade, a compañía ten no seu cadro de persoal a 89 mulleres en Compras Forestais e Estratexia e Patrimonio Ence. Detrás deste número atópase tamén un compromiso con Galicia, coa permanencia da poboación no seu territorio, o fomento do emprego estable e a retención do talento, tal e como demostra que 40 destas profesionais estudasen en centros de Formación Profesional ou universidades galegas.
Esta alta presenza feminina segue a liña doutras iniciativas de Ence, como o seu programa Talento, no que a meta marcada neste ámbito é a de manter un 50% de representación da muller en menores de 30 anos con titulación universitaria.
A través destes retadores obxectivos, Ence quere seguir potenciando o talento, a xeración de emprego e a riqueza na contorna na que opera, á vez que se consolida como un referente de igualdade e equidade.