Ponte Caldelas revisará á alza a taxa de lixo debido á suba do canon de Sogama
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cada vivenda de Ponte Caldelas pagará de media un euro máis cada mes pola taxa de lixo. Así o anunciou este mércores o goberno municipal. Esta decisión é consecuencia, aseguran desde o Concello, da necesidade de compensar a suba do canon que Sogama cobra aos concellos galegos polo tratamento do lixo a partir do próximo ano 2014.
Na actualidade Sogama cobra a cada concello polo traslado e tratamento do seu lixo un canon de 61,50 euros por tonelada, o que supón un gasto anual ao Concello de Ponte Caldelas de máis de 120.000 euros, tendo en conta unha media de 2.000 toneladas ao ano que se xeran no municipio. A este gasto hai que sumarlle o custo do servizo de recollida de lixo que presta a empresa Urbaser que ascende a máis de 230.000 euros anuais.
Este servizo inclúe a recollida diaria no casco urbano (incluídos domingos e festivos) e a recollida tres días á semana nas zonas rurais, ademais da recollida e tratamento dos voluminosos (enseres, mobles, etc.). Tamén a recollida selectiva en todo o término municipal e lavado de colectores.
O recadado polo Concello ao ano pola taxa de lixo en todo o municipio ascende a 163.000 euros o que conleva un importante déficit no servizo de máis de 180.000 euros, que asume o Concello con outros fondos propios malia que a lexislación tributaria recomenda que as taxas cubran o custo de cada servizo.
Este canon de Sogama a partir do próximo ano incrementarase nun 34% tal e como acaba de comunicar a Xunta, e pasará a ser de 82,10 euros por tonelada, o que suporá para un concello como Ponte Caldelas un sobrecusto neste canon de case 50.000 euros máis. Ante este incremento no déficit no servizo, o goberno municipal asegura que se ve na obrigación de repercutir a subida no recibo para cumprir cos requisitos de estabilidade presupuestaria que esixe a normativa estatal.
NOVOS PREZOS
A taxa de recollida e tratamento de lixo en Ponte Caldelas será de 29 euros ao semestre no rural e de 40 euros no casco urbano
A partir do próximo ano, a taxa de recollida e tratamento de lixo en Ponte Caldelas será de 29 euros ao semestre no rural e de 40 euros no casco urbano. Precisamente para que esta subida sexa menos gravosa para os veciños, a partir do próximo ano esta taxa pagarase dividida en dous recibos que se emitirán ao final de cada seis meses, e non como agora que se emitía un único recibo anual de 45 euros no rural e de 65 euros no casco urbano.
As taxas correspondentes ás distintas actividades comerciais, hostalería e empresariais increméntanse nunha porcentaxe similar co fin de que a repercusión desa subida do canon sexa lineal para todos os usuarios do servizo.
No referente a outras taxas como auga, saneamento, depuración ou vehículos conxelaranse para 2014, excepto para o parque empresarial da Reigosa que se actualizan de acordo coa actualización que fai Pontevedra polo parque empresarial do Campiño. No que respecta ao IBI mantense a taxa no mínimo legal 0,4%, de tal forma que non afectará a subida da contribución que o Goberno aprobou o pasado ano.